Nigrán abre o período de solicitudes para presentarse á praza de técnico de deportes

FOTO: CB AIREXA

O Boletín Oficial del Estado publica hoxe a resolución do Concello de Nigrán para dar cobertura á praza de “Técnico de Deportes” con carácter de persoal laboral fixo incluída na Oferta de Emprego Público de 2016. Permitirá, ademais, crear unha bolsa para dar cobertura ás ausencias da persoa finalmente seleccionada. As bases e convocatoria do proceso están a disposición dos interesados na sede electrónica do Concello de Nigrán e no taboleiro de anuncios. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días naturais contados desde mañá 19 de febreiro, polo que conclúe o 9 de marzo.

Entre os requirimentos dos aspirantes figura a titulación de licenciatura ou grao en ciencias da actividade física e do deporte ou equivalente ou ter o permiso de conducir B. O proceso de selección será mediante oposición libre cun primeiro exercicio obrigatorio e eliminatorio sobre o coñecemento do temario (figura no ANEXO II das bases); un segundo exercicio obrigatorio e eliminatorio sobre coñecementos prácticos e un terceiro exercicio obrigatorio e eliminatorio sobre o coñecemento da lingua galega (exentos os que acrediten posuír o CELGA 4).

As persoas que figuren na relación de aprobados pero que non obtiveran a praza integrarán unha bolsa de reserva á que se poderá acudir para suplir ausencias temporais da persoa seleccionada ou por exceso ou acumulación de tarefas.

Anuncios