A Xunta prevé a creación dunha liña de autobús de Nigrán a Vigo por Chandebrito

O Concello de Nigrán veu parcialmente estimadas as alegacións que presentou en agosto ao anteproxecto de explotación do Plan de Transporte Público de Galicia 2020 coa conseguinte mellora da conexión que supoñerá para a toda a comarca. O goberno local celebra especialmente a mellora da comunicación de Chandebrito coa creación dunha liña por Fragoselo pero, sen embargo, lamenta a oportunidade que este plan supuña para comunicar mellor parroquias do interior como Camos, onde se reducen as frecuencias pese á petición expresa de aumentalas, ou a escasa aposta da Xunta pola inclusión ao manter só nun 10% o número de vehículos adaptados.

A conexión con Chandebrito verase mellorada porque se crea por vez primeira unha liña Nigrán-Vigo que vai por Fragoselo, con dúas frecuencias diarias, e ademais tamén se contempla a alegación do Concello para instaurar unha lanzadeira desde Chandebrito a Nigrán pola rúa dos Pazos (Camos) ás 7:00 e 12:00 horas. “Pese á mellora que supón, as frecuencias son escasas, desde o Concello entendemos que non debería ser a lanzadeira só ás 7:00 e as 12:00 e, en calquera caso, as 7:00 horas resulta moi cedo para a xente que desexa ir a Nigrán ao médico, á compra, etc”, subliña o alcalde, Juan González. A maiores, entre as alegacións do Concello que foron estimadas figura a supresión dos percorridos “a demanda” que se contemplaban para Chandebrito ou Camos para ser operativos sempre, cuestión que desde o Concello se considera fundamental para garantir a pervivencia das liñas do interior.

Sen embargo, o Concello de Nigrán lamenta a marxinación á que se somete a parroquia de Camos, onde non só non contemplou a Xunta a alegación do Concello para mellorar a conexión, senón que reduce frecuencias. “Actualmente funcionan 3 liñas de ida e 3 de volta por rúa dos Pazos, desde o Concello pedíamos duplicalas e non só non as duplican senón que reducen frecuencias nos fins de semana”, lamenta o rexedor, quen incide en que “a Xunta perde unha oportunidade única de conectar esta parroquia do interior. É unha inxustiza e seguiremos loitando para cambiar isto. Esta reordenación de liñas tiña que ser unha oportunidade de mellorar o transporte existente, non de perpetuar o illamento das parroquias do interior e manter incongruencias”, conclúe González.

Ademais, entre as alegacións formuladas polo Concello e tamén aceptadas figura respectar todas as situacións actuais das paradas (no anteproxecto eliminábase a do Pazo da Touza ou Copena, en Camos, ou Florida, en Vigo) e a creación dunha nova á altura de Povisa, cuestión que desde hai anos reclamaba o Concello ao ser o hospital de referencia para a maioría dos nigraneses.

Autobuses de plataforma baixa

A primeira alegación que formulou o Concello de Nigrán no seu escrito de agosto foi a incorporación de autobuses de plataforma baixa ou mobilidade reducida nos principais percorridos en dirección Baiona, Vigo, Hospitais e CUVI, sen embargo, a Xunta confirma que só o fará no 10% do total de vehículos que circulen e nin sequera especifica liñas, cando debería ser unha información pública. “En percorridos urbanos como a liña Vigo-Baiona ou ao Hospital é inexcusable que non sexan de plataforma baixa o 100% dos autobuses, un 10% é totalmente insuficiente”, sinala González.

Igualmente, o Concello celebra que si se aceptasen as alegacións para aumentar as frecuencias ao CUVI e Hospital Álvaro Cunqueiro, puntos actualmente incomunicados por transporte metropolitano.