20 comparsas participarán no Desfile de Entroido de Baiona

Un total de 20 comparsas chegadas de Baiona, Nigrán, Gondomar, Vigo, Tomiño, Soutomaior, Redondela, Ponteareas, Pontecaldelas e Salceda de Caselas desfilarán este domingo día 16 de febreiro polas principais rúas de Baiona. Sairán ás 17:00 horas desde a Avda. Urbana de Sabarís, para percorrer a Avda. Monterreal, Alférez Barreiro e Elduayen, finalizando no Paseo Ribeira. Acto seguido será o Enterro da Sardiña, e ao remate, a entrega de premios ás comparsas gañadoras.

A Concellería de Cultura destinará 6.500 euros para os premios aos/ás participantes nos actos programados con motivo do Entroido. Serán 900 euros para a comparsa gañadora, 650 para a segunda, 500 para a terceira, 400 para a cuarta e 300 para a quinta. Entre as demais comparsas participantes repartiranse o resto dos premios (3.750 euros), que se distribuirán de acordo co nº de compoñentes: de 81 a 100 (300 euros), de 61 a 80 (250 euros), de 41 a 60 compoñentes (200 euros), de 21 a 40 compoñentes (150 euros) e de 12 a 20 compoñentes (100 euros).

O Xurado estará integrado por persoas do mundo da cultura, o deporte, a música, ás letras, etc., designadas polo Concello de Baiona. Valorará o vestiario, máscaras, maquillaxes, ect. axeitados á temática que representen; a orixinalidade, inxenio, caracterización, instrumentacións, ect.; a actitude no desfile acorde con motivo na exhibición; a calidade e creatividade na exhibición; e o número de compoñentes da comparsa.

ENTROIDO BAIONA 2020

Anuncios