“O Concello ten nas súas mans solucionar os posibles derrubamentos de vivendas dos veciños de Gondomar”

O Partido Popular de Gondomar denuncia a parálise por parte do goberno municipal na aprobación dos núcleos rurais e esixe a súa continuidade como solución aos expedientes abertos pola APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística). Así llo fixo saber a voceira do Partido Popular aos veciño que este pasado domingo acudiron á reunión mantida en Prado-Morgadáns con veciños afectados.

Estas semanas pasadas veciños de Morgadáns estiveron recibindo notificación da APLU sobre os expedientes abertos por infracción urbanística e con orde de demolición, algúns deles con multas coercitivas.

Ante isto, e unha vez que a voceira do Partido Popular de Gondomar tivo coñecemento do mesmo, solicitaron unha entrevista coa Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para interesarse da situación na que se atopaban todos os expedientes abertos pola APLU e ver as posibilidades de darlle unha solución definitiva. Nesta xuntanza que tivo lugar o pasado mércores 29 de xaneiro, e á que acudiron a voceira Paula Bouzós, o concelleiro Julio Fernández e o vocal da Entidade Local Menor de Morgadáns, Jose Antonio Ramilo, a conselleira Ángeles Mejuto explicoulles a situación na que se atopan os expedientes abertos, sobre todo na parroquia de Morgadáns, e lles comunicou que a solución estaba na aprobación dos núcleos, iniciada xa no ano 2016 e que agora mesmo están pendentes de que o Concello de Gondomar conteste os requirimentos que dende a Xunta de Galicia se lles fixo en xullo do ano pasado, practicamente todos solicitando aclaracións que teñen que ver con Patrimonio Histórico ou de elementos de interese patrimonial. A conselleira tamén se comprometeu a, chegado o seu momento e unha vez que o concello remita a documentación solicitada, axilizar ao máximo os trámites para acadar a aprobación definitiva dos núcleos pendentes, e así solucionar dunha vez un problema que trae de cabeza a moitos veciños de Gondomar.

Este domingo Paula Bouzós, acompañada por membros do Partido Popular de Gondomar, tiveron unha xuntanza en Prado – Morgadáns con veciños afectados polos expedientes abertos pola APLU, co fin de saber de primeira man a situación na que se atopan. Os veciños fixéronlles saber das súas inquedanzas a este respecto así como a inseguridade na que se atopan, xa que a meirande parte deles teñen comunicada unha orde de demolición, e outros en proceso xudicial. Os membros do PP gondomareño, coa súa voceira Paula Bouzós ao fronte informáronos da reunión que tiveron coa conselleira de Medio Ambiente, que está disposta a axudar no que sexa necesario e que agora mesmo a solución está no goberno municipal de Gondomar, que dende o mes de xullo que lles chegaron os requirimentos non fixeron nada por solucionar o problema.

“O Concello ten nas súas mans o solucionar as sancións e posibles derrubamentos de vivendas dos veciños de Gondomar, que ata poden chegar penas de cárcere nalgún dos casos”, afirmaba a voceira do PP gondomareño. “Non é de recibo que dende xullo que se recibiron as notificacións da Xunta o goberno municipal non fixera absolutamente nada ao respecto”, remataba dicindo Paula Bouzós.