O Vigo-Rías Baixas estrea proxecto en Murcia

A oitava tempada do Vigo-Rías Baixas na categoría Elite e Sub-23 ábrese esta fin de semana na Rexión de Murcia. A entidade presidida por José Luis Chamorro estrea o seu proxecto máis ambicioso na Volta ao Guadalentín. Tras unha paréntese de dous anos e medio, Marcos Serrano volverá estar ao volante do conxunto flúor.

O director deportivo de Chapela regresou á estrutura olívica para sacar o máximo partido dun persoal absolutamente renovado. Dezasete corredores incorporáronse desde o final da pasada campaña ao equipo olívico e case a metade deles debutarán coa súa nova camisola en terras murcianas.

O “oito” do Vigo-Rías Baixas na primeira cita de 2020 puntuable para a clasificación da Real Federación Española de Ciclismo estará composto polo uruguaio Mauricio Moreira, o venezolano Edwin Torres, o asturiano Pelayo Monasterio, o balear Joan Nicolau, o vasco Jon Tena e os galegos Brais Gómez, Guillermo Mallo e Carlos Amil.

A terceira edición da Volta ao Guadalentín-Rexión de Murcia consta de dúas etapas. A primeira celebrarase o sábado pola tarde, con saída e chegada en Águilas. Os 125 quilómetros de percorrido presentan catro ascensións puntuables, todas de 3ª categoría.

A clasificación xeral desta rolda decidirase o domingo pola mañá. A xornada máis esixente arrancará de Lorca e concluirá no alto Fortaleza del Sol. Antes da explosiva subida final, os corredores terán que subir catro portos de montaña, dúas de 3ª e dúas de 2ª categoría.

Anuncios