O grupo municipal do PP de Gondomar mantivo esta semana unha xuntanza coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, co fin de analizar a situación urbanística actual do municipio. Durante a reunión, a voceira popular Paula Bouzós trasladoulle á responsable do Goberno galego a preocupación e o interese do seu grupo polas posibles medidas e accións que está a adoptar a Consellería no Concello de Gondomar e, particularmente, en relación á situación na que se atopan as delimitacións dos núcleos do municipio que están pendentes de aprobación.
Cómpre lembrar que o PXOM de 1997 foi anulado xudicialmente e o municipio carece nestes momentos de planeamento xeral propio, polo que quedaron en vigor as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento de Pontevedra aprobadas no ano 1991.
O encontro coa conselleira, no que tamén participaron por parte municipal o concelleiro Julio Fernández e o vocal da Entidade Local de Morgadáns, José Antonio Ramilo, enmárcase dentro dunha serie de actuacións e contactos que está a levar a cabo o Partido Popular de Gondomar como consecuencia da situación urbanística que padece o concello.

