Sin categoría

O PP acusa a Ferreira de asfixiar aos clubs de fútbol ao obrigarlles quitar a publicidade dos campos

O alcalde de Gondomar vén de remitir aos clubs de fútbol do municipio, o Gondomar CF e o Gondomar FB, un oficio no que lles obriga retirar de xeito inmediato os valos publicitarios que teñen no peche exterior dos campos das Gaiandas e das Cercas, co argumento de que non foron autorizados. Este feito foi posto en coñecemento da voceira do PP de Gondomar por varios pais que teñen os seus fillos nas diferentes categorías inferiores de fútbol.

Para os populares o grave desta decisión é que se ordena a metade de temporada, cando os clubs teñen a publicidade contratada e cobrada para toda a campaña. Este feito vai levar os clubs a ter grandes problemas financeiros que poderían abocar nas súas desaparicións. De feito, segundo puido saber o PP gondomareño por boca de varios pais, o Gondomar F.B. está valorando a posibilidade de dar de baixa algún equipo das categorías inferiores así como o equipo feminino, que son os que se financian con estas publicidades.

“Estamos unha vez máis ante un impulso do Sr. Ferreira, que é a tónica habitual da súa forma de gobernar, sen analizar o máis mínimo as graves consecuencias que poden traer”, sinala a voceira do PP de Gondomar.

Recorda Paula Bouzós como o alcalde presumía nas redes sociais de apoiar o fútbol base no mes de setembro cando se asinou o convenio co Gondomar CF e co Gondomar FB, ou no mes de outubro cando se reunía co presidente da Federación Galega de Fútbol para a substitución do céspede que agardan se faga neste verán como prometeu Ferreira, ou no torneo solidario de Nadal. “Agora que se quitou a máscara estamos vendo a verdadeira cara do alcalde, que con estas resolucións fraco favor estalle facendo o deporte en Gondomar”.