Miguel Ángel Fernández resolve ao grande o traballo do Vigo-Rías Baixas no G.P. Villa de Mojados

Chegou a primeira vitoria da tempada para o Vigo-Rías Baixas. Miguel Ángel Fernández impúxose este sábado no Gran Premio Villa de Mojados resolvendo ao grande o traballo de equipo realizado pola estrutura presidida por José Luis Chamorro. O velocista cántabro fixo valer a súa punta velocidade no sprint que preparou á perfección o bloque que dirixe Marcos Serrano.

O conxunto flúor rozara o triunfo nas súas anteriores participacións na proba valisoletana, asinado un terceiro posto en 2017 co surafricano Ivan Venter e un segundo en 2018 co cántabro Antonio Angulo. Precisamente un paisano do actual corredor do Euskaltel Euskadi engadiu esta carreira puntuable para a clasificación da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) ao palmarés do Vigo-Rías Baixas.

O ex profesional Miguel Ángel Fernández, que xa exhibira a súa potencia nas Metas Volantes anotándose o triunfo na xeral destes puntos quentes, superou ao sprint Francisco Rus (Cortizo) e a Alejandro Gomiz (Netllar) na recta final dos 133,7 quilómetros de percorrido. O cántabro aproveitou o lanzamento que lle realizou o seu Benjamín Prades.

Os xefes de filas da formación olívica deron continuidade ao excelente labor dos seus compañeiros Asier González e Nicolae Bumbu, que na aproximación á liña de meta puxéronse á fronte do pelotón para botar abaixo unha escapada de dous ciclistas que ameazou seriamente o esperado desenlace ao sprint. A estratexia deseñada por Serrano plasmouse na estrada tal e como a deseñaba o director deportivo do Vigo-Rías Baixas e Fernández exerceu de matador.

A fin de semana valisoletana do pelotón Elite-Sub23 completarase mañá domingo coa disputa do G.P. Ayuntamiento Arroyo de la Encomienda, cita que tamén pertence ao calendario RFEC.