Sin categoría

Os emprendedores do Cova Terreña tamén aprenden costura

Os socios e socias da cooperativa “Aloumiños de Papel” do CPI Cova Terreña de Baiona participaron este luns nun obradoiro de costura impartido pola baionesa Remedios Ruibal, licenciada en patronaxe e deseño. Os 19 alumnos e alumnas de 6ºB de Primaria que participan no proxecto “Depoemprende na Escola” da Deputación de Pontevedra aprenderon a coser retais de teas e feltro para elaborar marcapáxinas medievais e chaveiros, entre outras cousas.

O próximo luns terán o segundo obradoiro de iniciación á xoiería co director da Escola de Xoiería Atlántico, Carlos Pereira. O obxectivo é aprender a elaborar produtos medievais e artesanais ante a posibilidade de ter un posto de venda no Real Mercado da Festa da Arribada, que xa solicitaron no Concello de Baiona. Co que gañen doarán un 60% á ONG local Ayuda al Mundo Necesitado e á protectora de animais Bai.Senpulgas a partes iguais. O 40% restante o empregarán nunha actividade común de fin de curso.

Para o obradoiro de xoiería están recollendo cristais erosionados para transformar o lixo das praias e montes en algo tan fermoso como un anel. “Somos un alumnado sensibilizado co cambio climático. Carlos tamén nos está ensinando a crear outras xoias como pulseiras”, destaca a presidenta da cooperativa, Carolina Vázquez.