Nigrán abre o prazo de inscrición para o concurso de comparsas de Entroido

O Concello de Nigrán abre ata o 15 de febreiro (inclusive) o prazo de inscrición no concurso de comparsas, que terá lugar o sábado 22 de febreiro ás 19.00 horas. O Concello amplía este ano a dotación económica ata os 3.800 euros repartidos en vinte premios (600, 500, 400, 350, 300, 250, e os seguintes 14 restantes clasificados con 100 euros) para que todas as agrupacións participantes se beneficien. A maiores, cada unha das comparsas pertencentes a asociacións culturais, deportivas, educativas e veciñais do municipio percibirán unha dotación adicional de 300 euros.

As bases mantéñense coma o ano anterior, así, as agrupacións deben contar cun número de participantes superior aos 20 membros, dos cales un mínimo de dez terán que ser adultos. Para poder optar aos premios é requisito indispensable inscribirse previamente no Rexistro do Concello (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, ata o 15 de febreiro) coa documentación pertinente (ficha de inscrición cuberta, fotocopia do CIF ou DNI, certificado de conta bancaria e xustificante de estar ao corrente tanto en Facenda coma na Seguridade Social).

O Concello mantén a súa aposta de celebrar o desfile ás 19:00 horas e polo centro urbano para que poida asistir todo tipo de público. Así, este terá lugar o sábado 22 de febreiro ás 19.00 horas partindo da rúa Telleira, percorrendo Rosalía de Castro ata a estrada do Ceán, sendo a actuación de cada comparsa á altura da Casa Consistorial. Ao remate da última actuación terá lugar a entrega de premios. Se a previsión meteorolóxica fose adversa para ese día o desfile trasladaríase para o venres 6 de marzo (abriríase un novo prazo de inscrición ata o 29 de febreiro).

O sorteo da orde de saída celebrarase o luns 17 de febreiro no salón de plenos municipal ás 12.00 horas. O xurado, pendente da súa designación, terá en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa. Pode quedar deserto algún premio e de haber menos comparsas que premios o número destes axustaríase.

As bases están a disposición dos interesados na Oficina de Atención ao Cidadá do Concello, no Departamento de Cultura ou na web municipal.

Programación de Entroido

Sen embargo, os actos do Entroido arrancarán xa o domingo 16 de febreiro coa celebración do Entroido infantil no Auditorio Municipal desde as 17:30 horas a cargo de “Voltereta e Volvoreta”. O venres 21 de febreiro ás 12:00 horas terá lugar o tradicional desfile escolar pola contorna do Concello de Nigrán (colexio Humberto Juanes e a Escola Infantil “A Galiña Azul” de Nigrán). A continuación, o día grande será o sábado 22 co desfile de comparsas, que abrirá o grupo de batucada “Bate no Cobre” (en caso de choiva se posporá ao 6 de marzo). O martes 25 de febreiro o Auditorio Municipal acollerá durante toda a mañá o concurso que cada ano realizan conxuntamente os centros de día do Val Miñor. Ademais, por terceiro ano consecutivo, o domingo 1 de marzo o Concello organiza unha excursión de maiores a Cuntis para asistir á “Festa do Lacón” (será preciso inscrición previa).

O Entroido de Nigrán finaliza o sábado 7 de marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá dende a Casa do Concello ás 18.00 horas tirado por un carro de bois para ser velado dende as 19:00 horas no Torreiro de Parada, actos que se celebran co Centro Cultural Parada do Miñor e que rematarán coa queima do kiko e un concerto.

“Programamos un Entroido no que teñan cabida tódolos públicos e tamén con actividades específicas para o desfrute dos nenos e dos maiores, ademais, queremos poñer en valor as tradicións máis locais como é o caso do enterro do kiko”, explica o alcalde, Juan González.

ENTROIDO EN NIGRÁN 2020