2.000 € para o primeiro premio de xornalismo do Val Miñor

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Presentación do Primeiro Certame de Xornalismo “Enrique Guerrero Serrano”.

A Asociación Cultural Val Miñor Espazo Aberto presentou este venres as bases do Primeiro Certame de Xornalismo “Enrique Guerrero Serrano”, nun acto que tivo lugar no Casino de Sabarís e que contou coa presenza do fillo do homenaxeado, Raúl Guerrero. Poderán concorrer a este certame todas as persoas que o desexen, de calquera ideade, e cada participante deberá facelo cun único artigo. Os artigos serán inéditos, deberán estar escritos en galego e redactados nun estilo xornalístico de carácter divulgativo e de temática “O mar e a súa xente, as súas costumes”.

Os traballos presentados deberán ter entre 3.500 a 4.500 carácteres con espazos incluídos (entre 800 e 900 palabras aproximadamente). Deberán presentarse os documentos en formato PDF, de forma anónima e en modo electrónico, xa que a asociación ten carácter ecolóxico. No corpo do correo electrónico deberá aparecer o título do texto e máis un alcume do autor. Nos documentos adxuntos deberá nun deles aparecer o texto do concurso e noutro un documento co nome e apelidos do autor, así como os medios de contacto preferentes (teléfono ou correo electrónico).

A recepción dos correos será xestionada so polo secretario do certame, con voz pero sen voto. O correo ao que deberán presentarse será acvalminhor@gmail.com. A asociación enviará a confirmación de chegada pola mesma vía e este documento será o acreditativo da participación no evento. A dotación do premio será de 2.000 € para un único ganador. O prazo de presentación de obras rematará o 15 de marzo do 2020 e o fallo do xurado se oficializará o 18 de abril.

O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida capacidade no ámbito literario e xornalístico e por un secretario en representación da Asociación. Para a selección do texto premiado o xurado terá en conta a orixinalidade, a adecuación ao tema e xénero e a claridade expositiva e calidade literaria.