Manifesto Miñor leva a falta de persoal da Galiña Azul ao Pleno e ao Parlamento Galego

Dende o Grupo Parlamentar Mixto/En Marea no Parlamento Galego e dende o grupo municipal de Manifesto Miñor/En Marea no Concello de Gondomar, veñen de presentar senllas iniciativas para que o goberno galego tome medidas urxentes respecto á falla de persoal na escola infantil A Galiña Azul. Este centro pertence á Rede de Escolas Infantís da Xunta de Galicia, xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, de quen depende o persoal. Este curso 2019-2020 conta con 7 nenos e nenas de 0-1 anos, 24 de 1-2 anos e 37 de 2-3 anos, quedando en lista de agarda 25 nenas e nenos.

As familias do alumnado da Galiña Azul de Gondomar enviaron escritos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar denunciando a falta de persoal, sen obter resposta. A escola infantil conta con sete educadoras, dúas mestras e dúas persoas de servizos xerais que, por limitacións de saúde acreditadas, non poden levar a cabo determinadas tarefas físicas (limpeza, montaxe do comedor) que acaban por realizar as educadoras e mestras, sen ser a súa función e restando tempo das súas propias tarefas.

Así, denuncian as familias que a nova “organización” dos tempos de traballo limita a mestras e educadoras, de xeito que “non poidan dedicarse a planificar e levar a cabo as actividades de estimulación sensorial, motora e cognitiva” das crianzas, como viñan facendo ata o de agora. As familias da Escola Infantil de Gondomar solicitan ter unha reunión con representantes do Consorcio no propio centro, dado que non recibiron resposta ás súas queixas por escrito. Asemade, demandan un aumento do persoal para facelo acorde ás necesidades educativas das crianzas.

A etapa de 0 a 3 anos ten unha importancia educativa esencial, polo que a atención nas escolas infantís non debe limitarse ao coidado das necesidades básicas, senón que a planificación de actividades de estímulo é esencial.

As mocións instan á Xunta de Galicia a organizar unha reunión de representante/s do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar coa ANPA da Galiña Azul de Gondomar á maior brevidade posible, no propio centro educativo; aumentar o persoal da Escola Infantil de Gondomar acorde ás necesidades educativas das crianzas; e impulsar a creación de máis prazas públicas de escola infantil de 0-3 anos no Concello de Gondomar, co conseguinte aumento de equipamentos e persoal.