Val Miñor Espazo Aberto presenta este venres o seu primeiro certame literario

A Asociación Cultural Val Miñor Espazo Aberto presentará este venres día 31 de xaneiro as bases do Primeiro Certame de Artigos Xornalísticos “Enrique Guerrero Serrano”, nun acto que terá lugar ás 19:00 horas no Casino de Sabarís, que contará coa presenza do fillo do homenaxeado, Raúl Guerrero. O tema do certame será o mar, a súa xente e os seus costumes.

Así mesmo, o próximo 7 de febreiro, na Librería Libraida de Gondomar, ás 20:00 horas, se levará a cabo a presentación dunha nova edición de “Sándalo”, novela de María Xosé Porteiro, quen estará presente xunto con Camiño Noia e Malores Villanueva, nun acto organizado por Editorial Galaxia e compartido pola Asociación Cultural Val Miñor, da que estará tamén na Mesa, o seu presidente, Vicente Montejano. Ao longo do mes de marzo, Espazo Aberto pretende levar a cabo unha exposición itinerante de fotografías antigas de Baiona, Nigrán, Gondomar e Oia, no ámbito destes municipios.

A Asociación Cultural Val Miñor Espazo Aberto presentouse oficialmente en Ramallosa. Neste acto inaugural interveu a Vicevaledora do Pobo, xornalista, escritora e ex deputada socialista María Xosé Porteiro, quen resaltou a importancia de que a cultura e a memoria formen parte de calquera actuación política en Galicia e eloxiou este primeiro paso que se dá na comarca miñorana para a recuperación do seu pasado histórico da man de quen comezou xunta a ela a súa carreira xornalística en prensa e radio, Vicente Montejano, presidente desta asociación, poñendo toda a súa confianza no seu quefacer e no equipo que lle acompaña para levar a cabo o obxectivo primordial de Espazo Aberto, para que a cultura forme parte esencial desta comarca natural do Val Miñor. Tamén falou o historiador, Julio Villarino, secretario da asociación, e pechou o acto o seu presidente, quen anunciou que como primeiras actuacións dunha extensa programación abrirase no mes de xaneiro a primeira edición do Certame Literario “Enrique Guerrero Serrano”, relativo ao mar e a súa xente mariñeira.

Neste acto de presentación estiveron os alcaldes de Nigrán e Baiona, Juan González e Carlos Gómez, así como os ex rexedores Benigno Rodríguez e Manuel Rial, e numeroso público, servíndose ao final un viño español, ofrecido pola empresaria Rosa Álvarez.

Anuncios