Novo tropezo do AD Vincios

Despois de dúas xornadas erradas, con derrotas no seu desprazamento a terras andaluzas ante o Real Cajasur Priego TM, actual campión de liga, por 4-0, e no derbi galego disputado na cancha do equipo santiagués Arteal TM, subcampión de liga, por 4-1, o AD Vincios Gondomar volveu caer ante o San Sebastián de los Reyes por 4-2.

No partido disputado en Gondomar ante un equipo dun nivel similar, que se reforzou no mercado de inverno co xogador coreano Choi Deokhwa, e que completou a aliñación co ruso Vladislav Ursu e o andaluz Rafael Casares, os gondomareses presentaron o seu equipo de gala, co portugués André Silva, o chinés Zhao Tianming e o gondomarés Martín Pintos. O partido empezou mal para o Vincios, con derrotas de Martín ante Ursu por 3-1 e de André ante Choi por 3-0. Choi sorprendeu a André co seu xogo defensivo alternado cun poderoso ataque de dereita que desarbolaba o xogo de André. Tras unha recuperación con vitorias de Zhao sobre Rafael (3-0) e de André sobre Ursu (3-1), alcanzouse o empate 2-2 no partido, que facía concibir esperanzas en poder puntuar. As sucesivas derrotas de Martín ante Rafael e de Zhao ante Choi, ambas as por 3-1, supuxeron a vitoria do Sanse por 4-2.

Este novo tropezo, que deixa estancado o seu marcador en 10 puntos desde fai tres xornadas, fai descender ao Vincios á sétima posición empatado a puntos co Sanse, oitavo, pero perdendo a vantaxe alcanzada no comezo da tempada e estreitando a marxe na loita pola permanencia.

Anuncios