O triatleta Cristóbal Dios competirá no calendario ciclista co Vigo-Rías Baixas

A sexta e última incorporación galega do Vigo-Rías Baixas para o seu novo proxecto é un dos deportistas máis completos do panorama autonómico e tamén do estatal. O triatleta Cristóbal Dios regresa ao pelotón Elite e Sub-23 coa camisola da entidade presidida por José Luis Chamorro. O estradense aproveitará o calendario ciclista para competir e preparar os seus desafíos Ironman desta tempada.

Antes de brillar no tríatlon español, Dios dedicábase en exclusiva á bicicleta. En 2012, tras dúas campañas como corredor sub-23, decidiu dar un xiro á súa carreira deportiva. Cambiou de modalidade e aos poucos foi crecendo como triatleta. A súa progresión levouno a conquistar triunfos na media e na longa distancia.

Despois dun ano 2019 que cualifica de “moi bo” a nivel de resultados, terminando segundo na Copa de España de Media e Longa Distancia e obtendo vitorias como o seu cuarto éxito no Desafío Santander Illas Cíes, decidiu redobrar a súa aposta: ten previsto participar en “dous ou tres” Ironmans e ademais “facer a maior parte do calendario ciclista que poida, compaxinándoo co tríatlon”.

“Pódeme dar un punto importante para as miñas competicións”, afirma sobre a súa fichaxe polo Vigo-Rías Baixas: “Estou moi motivado e atopándome xenial sobre a bicicleta, facendo moi bos adestramentos. Falei con Marcos Serrano e síntome súper contento por esta oportunidade. É un equipo que está totalmente consolidado, un dos mellores de España”.

Presentación

Aos seus 28 anos, Dios lembra que “estiven toda a miña vida relacionado co ciclismo” e por ese motivo cre que dentro do equipo tamén pode “achegar a miña experiencia e botar unha man aos rapaces que soben”. A súa primeira toma de contacto cos seus novos compañeiros teraa este sábado na presentación que se celebrará a partir das 20:30 horas no Parador de Baiona.

Os quince fichaxes do Vigo-Rías Baixas para o seu persoal elite e sub-23, o regreso de Marcos Serrano á dirección deportiva e o recentemente creado conxunto júnior serán as grandes atraccións deste acto aberto a todos os simpatizantes do club e afeccionados ao mundo do ciclismo. Haberá sorteos, actuacións musicais e os asistentes poderán degustar uns petiscos ao termo da gala.

Anuncios