Alumnos de Francia visitan Nigrán nun intercambio co CPI Arquitecto Palacios

O alcalde de Nigrán, Juan González, e a edil de Educación, Marina Vidal, recibiron onte pola tarde no Salón de Plenos do Concello aos 12 alumnos e 2 profesores do Lycée La Province de Fécamp (Alta Normandía, Francia) de intercambio actualmente co CPI Arquitecto Palacios de Panxón. No encontro, ademais de darlles á benvida, recibiron un agasallo e material con información turística de Nigrán. O grupo chegou o sábado 25 a Porto e regresan este sábado ao seu país. Ademais de compartir actividades coas familias de acollida, hoxe realizarán unha excursión a Santiago na que visitarán o Museo do Pobo Galego e o venres participarán na carreira solidaria que cada ano organiza o CPI polo Día da Paz.