O 80% das familias de Baiona terán escola infantil gratis desde o 1 de abril

O 80 por cento de familias de Baiona terán a partir de abril a escola infantil de 0-3 anos completamente gratis. O único requisito é que teñan dous ou máis fillos, sen necesidade de que o resto estean escolarizados. A medida, posta en marcha pola Consellería de Política Social para axudar á economía e a conciliación dos pais, entrará en funcionamento a partir do 1 de abril e supoñerá, a xuízo dos populares do municipio, “un alivio para os petos das familias e a posibilidade de organizarse na rutina diaria”. Refírense a que esta gratuidade a partir do segundo fillo non só se cingue a escolas públicas, senón que dela tamén se beneficiarán os menores que acudan a garderías privadas, concertadas ou de iniciativa social. Por tanto, ás máis de 60 familias de Baiona usuarias da Galiña Azul súmanse aqueloutras que teñen aos seus fillos rexistrados en garderías doutros municipios próximos por cuestións laborais.

A medida inclúe a “case á totalidade” das familias de Baiona. Trátase dunha iniciativa que inflúe directamente nos petos dos fogares e que ante a necesidade de buscar alternativas por parte das administracións para paliar os gastos e fomentar a natalidade, desde a Consellería de Política Social decidiuse poñer en funcionamento de forma inmediata sen esperar ao comezo do próximo curso escolar. Isto permite que xa que desde este mes de abril as 60 familias con dous ou máis fillos usuarias da Galiña Azul teñan o servizo gratuíto.

Iniciativa pioneira en España e Europa

Para o PP, a posta en funcionamento de medidas como esta responde o compromiso da Xunta de traballar polo benestar das familias e forma parte da política contra o envellecemento poboacional, é dicir, buscar incrementar as taxas de natalidade na nosa comunidade. A das escolas infantís de 0 a 3 anos é unha medida pioneira e sen precedentes en España nin Europa que sitúa ao municipio de Baiona ao mesmo nivel de servizos dirixidos ás familias de países como Finlandia.

En total, a Consellería de Política social investirá nesta subvención máis de 14 millóns de euros e deles espérase que se beneficien ao redor de 12.500 nenos en toda a comunidade galega.

Anuncios