Nigrán rexeita asumir a xestión da EDAR a partir de xuño

O goberno de Nigrán rexeitou mediante unha moción a pretensión da Xunta para que a EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) pase a ser competencia municipal a partir do 1 de xuño de 2020, asunto no que os populares votaron a favor. Nesta data a administración autonómica entende que finaliza o contrato, tal e como comunicou Augas de Galicia mediante un escrito ao Concello o 30 de xullo de 2019 no que insta ao consistorio a iniciar o procedemento para asumir esa titularidade.

Por este motivo, o goberno de Nigrán presentou unha moción moi similar á aprobada no pleno do 26 de abril de 2002, e na que incide en que “non concorren as circunstancias e presupostos legais necesarios para que o Concello de Nigrán inicie agora o procedemento encamiñado a facerse cargo da explotación, conservación e mantemento da EDAR a partir do 1 de xuño de 2020”. Amparados na lexislación que declara interese xeral da Comunidade Autónoma o citado servizo público (atribuíndo a súa xestión á Administración hidráulica de Galicia) desde o goberno local considérase que “non se lle pode traspasar a Augas de Galicia as instalacións de depuración e a xestión das mesmas porque son súas e xa as ven xestionando como titular delas”. “A EDAR de Nigrán non foi planificada, deseñada, financiada, construída, recibida nin xestionada por este Concello de Nigrán, senón pola Administración hidráulica de Galicia, que é a súa titular”, insiste a moción.

A EDAR de Nigrán foi construída por Augas de Galicia no marco do Plan Director de Saneamento da Ría, sen que nin as instalacións nin a xestión fosen transferidas ao Concello e o servizo, declarado de interese xeral da Comunidade Autónoma, forma parte da programación de saneamento e depuración da Xunta de Galicia, a quen corresponde a súa xestión, explotación e mantemento.

Por todo elo, a moción rexeita que o Concello inicie ningún procedemento para asumir a titularidade xa que a EDAR non é a súa competencia.

Anuncios