Anuncios
Ticker de novas

O GALP Ría de Vigo – A Guarda e MicroBank incentivarán o autoemprego e a actividade emprendedora

O presidente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda, José Manuel Gregorio, a directora de Negocio de MicroBank, Núria Danés, e a director da área de Negocio de CaixaBank en Pontevedra Sur, Ígor Antonio das Heras, asinaron un convenio de colaboración para facilitar o financiamento de proxectos empresariais a través de microcréditos. Coa firma deste acordo establécese unha liña de financiamento de 1 millón de euros. Os beneficiarios serán persoas físicas e microempresas con menos de dez traballadores e unha facturación anual inferior a dous millóns de euros.

Os solicitantes poderán optar a microcréditos por un importe máximo de ata 25.000 euros (cun límite do 95% do investimento). Os proxectos deberán contar cun plan de empresa e o informe favorable de viabilidade elaborado polo Grupo de Acción Local.

O criterio de concesión de microcréditos por parte de MicroBank atende fundamentalmente á confianza na persoa ou o equipo que solicita o préstamo e á viabilidade do proxecto, podendo acceder persoas carentes de garantías e avais.

En virtude deste convenio, o Grupo de Acción Local comprométese a detectar as necesidades de financiamento, dirixidas a promover o autoemprego e ao establecemento, consolidación ou ampliación de microempresas e negocios de autónomos, así como a facilitar servizos de apoio e asesoramento empresarial, analizar a viabilidade do proxecto e dirixir ás persoas físicas ou xurídicas asesoradas pola asociación a MicroBank para que este analice, e no seu caso aprobe, as solicitudes de financiamento.

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda é unha asociación que dispón dunha liña de financiamento dirixido a potenciar o autoemprego e incentivar a actividade emprendedora favorecendo a igualdade de oportunidades de homes e mulleres, novos residentes, persoas con discapacidades e con especial atención aos colectivos vulnerables en situación de exclusión financeira. Tamén financia o establecemento, consolidación ou ampliación de microempresas, negocios de autónomos e proxectos de autoemprego co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento do tecido produtivo, a creación e consolidación de emprego e a contribución ao progreso social.

MicroBank, o banco social especializado en microfinanzas participado integramente por CaixaBank, é o único banco en España dedicado exclusivamente ao financiamento de proxectos a través de microcréditos. A entidade foi pioneira no seu modelo de negocio e continúa sendo a que máis recursos destina ao financiamento de proxectos a través de microcréditos. O banco ofrece microcréditos destinados a autónomos, emprendedores e microempresas; e microcréditos persoais e familiares, que teñen como obxectivo atender necesidades que permitan superar unha dificultade temporal e faciliten o desenvolvemento persoal e familiar.

Durante o exercicio de 2016, MicroBank concedeu en Galicia un total de 641 préstamos destinados a autónomos, emprendedores e microempresas por un importe de 6,9 millóns de euros. Para financiar proxectos persoais e familiares, o banco achegou 21,5 millóns de euros a 4.136 iniciativas.

Acordos con máis de 570 entidades sociais

Na concesión dos microcréditos, ademais da rede de máis de 5.000 oficinas de CaixaBank, colaboran entidades que achegan coñecemento das persoas destinatarias dos créditos, ademais de asesorar e realizar o seguimento dos proxectos. Ata a data, MicroBank asinou convenios con 577 entidades sociais de toda España que velan pola viabilidade dos proxectos financiados. As entidades sociais colaboradoras son organizacións de todo tipo con experiencia en accións de asistencia económica ou social dirixidas a potenciar a creación de microempresas, fomentar o autoemprego e incentivar a actividade emprendedora.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.