Nigrán aproba reclamar á Xunta a titularidade de Otero Pedrayo

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Rúa Otero Pedrayo.

O goberno de Nigrán aprobou no pleno ordinario de hoxe e co voto a favor do PP unha moción pedindo o cambio de titularidade da rúa Otero Pedrayo (PO-333) a favor do Concello co obxectivo de poder emprender dunha vez por todas obras de mellora neste tramo de 1,8 km que une Nigrán e Panxón. O goberno local toma esta decisión tras seis anos reclamando á Xunta unha intervención nesta estrada autonómica, que se atopa nun estado calamitoso e conta coas beirarrúas peor conservadas da provincia coas consecuentes denuncias da veciñanza.

“Se a estas alturas a Xunta di que non ten constancia da nosa petición para que arranxe Otero Pedrayo está claro que non queren oír, non valen máis excusas, estamos fartos, agora pedimos a súa titularidade para poder arranxala nós cos nosos cartos. A Xunta non contestou a ningunha das nosas peticións para firmar un convenio de colaboración, tampouco o inclúe nos seus orzamentos pese ás nosas reiteradas emendas; a estas alturas xa temos claro que non pretende arranxar Otero Pedrayo nin sequera coas eleccións á vista”, resumiu o alcalde, quen apelou na súa moción á “responsabilidade pública” para tomar esta decisión pese a discrepar coa “inxustiza” que comete a Xunta ao non investir en asuntos da súa competencia e desoír á veciñanza de Nigrán.

“A situación é absolutamente calamitosa, cunhas beirarrúas esnaquizadas, cuns servizos que tanto ambientalmente como estruturalmente supoñen un gran problema para Nigrán e de novo a resposta da Xunta é de rexeitamento a calquera colaboración con Nigrán”, recolle a moción, que incide en que debe rehabilitarse “sen seguir esperando a colaboración dunha Xunta de Galicia ausente”. O Concello subliña que, ao ser unha estrada de natureza urbana, é susceptible de cesión a titularidade municipal como foi o caso de rúa Mariñeiro en Panxón, onde a situación resultou moi similar e o Concello xa tivo que asumir en solitario as obras.

“Este é o primeiro paso dun proceso que non é inmediato pero que significa acadar o obxectivo buscado tanto tempo de facer as obras de mellora”, resume González.

Anuncios