A CEMMA pon en marcha o proxecto VIRADA, unha iniciativa para a conservación dos cetáceos

FOTO: CEMMA // Manda de arroaces.

O proxecto «VIRADA: Bases para a redución da mortalidade por captura accidental en artes de pesca da toniña (Phocoena phocoena) e o arroaz (Tursiops truncatus) en áreas Rede Natura 2000 de Galicia», acaba de poñerse en marcha. Trátase dunha importante iniciativa liderada pola Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños-CEMMA, xunto coa Organización de Productores de Pesca Fresca do Porto de Vigo-OPPF-4, contando coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca-FEMP.

O proxecto conta cun orzamento total de 85.021,60 €, e obtivo a máxima valoración na resolución da Convocatoria Pleamar 2019, ocupando o primeiro posto dun total de 87 proxectos presentados. Está integrado no LIFE IP INTEMARES, o maior proxecto de conservación de fauna marina que se está a desenvolver nestes momentos en Europa.

O obxectivo principal do proxecto VIRADA é contribuír á protección da biodiversidade mariña e á sustentabilidade da pesca mediante a redución das capturas accidentais de cetáceos, en colaboración co sector pesqueiro.

Como obxectivos secundarios establécense os seguintes:

1) Coñecer a interacción cetáceos-pesca e o esforzo pesqueiro que se aplica nas áreas Rede Natura 2000 das Rías Baixas, como primeira medida para poder avaliar os efectos negativos (capturas accidentais) da actividade pesqueira sobre o medio mariño.

2) Avaliar a magnitude do impacto da mortalidade por captura accidental en artes de pesca sobre a poboación de toniña e arroaz nas áreas Rede Natura 2000 das Rías Baixas.

3) Potenciar o coñecemento do estatus poboacional da toniña e o arroaz nas principais zonas de pesca das áreas Rede Natura 2000 das Rías Baixas.

VIRADA xurde ante a grande necesidade que existe para poñer fin ao maior problema de conservación que presentan os cetáceos a nivel mundial: a mortalidade por captura accidental en artes de pesca.

Os datos recopilados pola CEMMA na costa de Galicia ao longo dos últimos 30 anos, son demoledores: cada ano aparecen varados unha media de 285 cetáceos, a metade deles mortos por captura accidental en artes de pesca.

O impacto desta mortalidade é especialmente preocupante no caso das dúas especies máis vulnerables e cun maior estatus de conservación: o arroaz (Tursiops truncatus) e a toniña (Phocoena phocoena).

No caso da toniña, a especie máis ameazada do litoral ibérico, extinguida no Mediterráneo, e que presenta o seu derradeiro núcleo poboacional nas augas do noroeste da península Ibérica, os últimos estudos realizados indican que desaparecerá para sempre das nosas augas nun prazo inferior a 20 anos. Estamos ante un caso de desaparición similar ao da vaquita (Phocoena simus) no Golfo de México.

Por outra banda, VIRADA tamén vai dirixido ao sector pesqueiro, que presenta unha enorme importancia, tanto a nivel económico como social, en Galicia, onde está presente o 85% da flota pesqueira que faena nas augas do caladoiro Cantábrico Noroeste. Preténdese contribuír a que a actividade pesqueira sexa sostible dende o punto de vista ambiental, e compatible coa preservación da biodiversidade e do medio mariño.

O proxecto levarase a cabo ao longo do ano 2020, e a zona de estudo serán as Rías Baixas, tendo como base de actuación os portos pesqueiros de Baiona, Vigo, Cangas, Bueu e O Grove, xunto con 7 espazos mariños pertencentes á Rede Natura 2000.

Levaranse a cabo diversas accións, entre as que destacan a realización de mostraxes a bordo de barcos de pesca e entrevistas aos mariñeiros. Realizarase tamén unha campaña de monitorización de cetáceos, a bordo dun veleiro, que contará coa participación de voluntariado ambiental. Por último, poranse en marcha diversas accións de educación e sensibilización.

Anuncios