A directora do Talaso Atlántico, única galega na cúpula da asociación de directores de hoteis

A directora de Talaso Atlántico, Rosana Canda, acaba de incorporarse á cúpula da Asociación Española de Directores de Hoteis, AEDH, sendo a única galega que forma parte da súa xunta directiva. A organización, fundada en 1972, representa a preto de 1.100 hoteis de España a través dos seus directores. O colectivo organiza seminarios, estudos e impulsa premios que teñan como obxectivo alcanzar a excelencia no sector hostaleiro español.

Canda é directora de Talaso Atlántico desde xullo de 2015. Nada en Pontevedra, leva desde o ano 2006 desempeñando labores de dirección en diferentes establecementos hostaleiros de Galicia. Talaso Atlántico recibiu en 2017, durante o mandado da actual directora, o premio ao Mellor Centro de Talasoterapia de España, Andorra e Portugal.

Canda impulsou, máis aló da xestión hostaleira, a creación da Escola da Saúde, con charlas orientadas ao público xeral, e a consolidación do Curso de Oncoloxía Integrativa da Universidade de Santiago, un referente para que pacientes, profesionais e familias coñezan as últimas investigacións en cancro e estratexias integradas.

Ademais, o hotel foi peza fundamental na recuperación da historia do naufraxio do Thalassa, ocorrido en 1949, e organiza unha proba ciclista desde 2017, o Desafío Atlántico. Outra das accións levadas a cabo baixo a dirección de Rosana Canda é a consolidación da cociña de autor do restaurante do hotel, en colaboración co seu chef, Javier Fins.

Anuncios