Nigrán propoñerá asumir a titularidade de Otero Pedrayo para poder emprender as obras de mellora

O goberno de Nigrán levará ao vindeiro pleno ordinario do 27 de xaneiro unha moción pedindo o cambio de titularidade a rúa Otero Pedrayo (PO-333) a favor do Concello de Nigrán co fin de poder emprender dunha vez por todas obras de mellora neste tramo de 1,8 km que une Nigrán e Panxón. O goberno local toma esta decisión tras seis anos reclamando á Xunta unha intervención nesta estrada autonómica, que se atopa nun estado calamitoso e conta coas beiravías peor conservadas da provincia coas consecuentes denuncias da veciñanza. O Concello conta cun proxecto que cifra o investimento en 1,5 millóns de euros, contía que, definitivamente, asumirá en solitario con cargo ao remanente de tesourería.

“A Xunta non contestou a ningunha das nosas peticións para firmar un convenio de colaboración, tampouco o inclúe nos seus orzamentos pese as nosas reiteradas emendas; a estas alturas xa temos claro que non pretende arranxar Otero Pedrayo, así que agora só pedimos ter a titularidade para poder emprender desde o Concello as obras”, resume o alcalde, quen apela a “responsabilidade pública” para tomar esta decisión pese a discrepar coa “inxustiza” que comete a Xunta ao non investir en asuntos da súa competencia e desoír á veciñanza de Nigrán. “Discrimina ao municipio por cuestións de cores políticas”, engade.

O Concello leva solicitado desde 2016 a sinatura dun convenio de colaboración coa Xunta mesmo mediante unha moción plenaria aprobada por unanimidade na que se pedía á Xunta a renovación de beirarrúas, saneamento, abastecemento e firme implementando medidas de seguridade viaria para, posteriormente, asumir o Concello a titularidade. Non se obtivo resposta a ningunha das peticións e este silencio mantense incluso despois de que o Concello remitise á Consellería de Infraestruturas en xullo de 2017 un anteproxecto e solicitar todo este tempo diferentes reunións para tratar o asunto. Tampouco a Xunta incluíu Otero Pedrayo nos seus orzamentos pese as emendas realizadas dende o PSdG a instancias do goberno de Nigrán.

“A situación é absolutamente calamitosa, cunhas beiravías esnaquizadas, cuns servizos que tanto ambientalmente como estruturalmente supoñen un gran problema para Nigrán e de novo a resposta da Xunta é de rexeitamento a calquera colaboración con Nigrán”, recolle a moción, que incide en que debe rehabilitarse “sen seguir esperando a colaboración dunha Xunta de Galicia ausente”.

O Concello subliña que, ao ser unha estrada de natureza urbana, é susceptible de cesión a titularidade municipal como foi o caso de rúa Mariñeiro en Panxón, onde a situación resultou moi similar e o Concello xa tivo que asumir en solitario as obras.

“Este é o primeiro paso dun proceso que non é inmediato pero que significa acadar o obxectivo buscado tanto tempo de facer as obras de mellora. O primeiro é a tramitación da titularidade, despois finalizar o proxecto e acadar as autorizacións pertinentes e, finalmente, abrir o proceso de contratación”, resume González.

Anuncios