Baiona espera ter listos os orzamentos no primeiro trimestre

Baiona perfila os orzamentos de 2020 e conta con levalos a aprobación entre finais de febreiro e marzo. Así, fontes municipais explicaron que a redacción do documento económico está moi avanzada pero aínda quedan por concretar algúns aspectos. O que si puideron adiantar desde o consistorio é que estará marcado por un gran acento social en materia de educación, poñerán bastante atención na terceira idade, ás parroquias así como a procura dunha solución para a escaseza de persoal do servizo de limpeza ou xardinería, sobre todo en tempada alta.

En canto ás cifras baralladas, o edil de Facenda, Carlos de la Peña, precisou que o importe total do orzamento ordinario é moi similar ao aprobado en setembro de 2019, roldando os 9 millóns de euros, ao que se lle sumarán 920.000 euros procedentes do Plan Concellos da Deputación. Ademais o 45% do total estará dirixido a gastos de persoal, contarán cun capítulo de investimentos de 620.000 euros e 1,6 millóns destinaranse ao servizo de recollida de lixo, de limpeza de praias e mantemento de zonas verdes.

Polo momento o alcalde Carlos Gómez engadiu que a pesar de que teñen varias vías abertas, hai unha serie de puntos que teñen que cumprir por exemplo o Plan de Emerxencia ademais doutros caracterizados pola súa transversalidade, é dicir, que a súa aprobación aquí terá efectos sobre outros documentos por exemplo o establecemento de salarios reflectido no capítulo de persoal, que vai directamente relacionado co convenio colectivo, que tamén está a ser ultimado para aprobarse sobre as mesmas datas.

Un dos puntos destacados son os 64.000 euros contemplados no Plan Concellos para contratacións de reforzo. Nesta liña Gómez adiantou que a partida reservada permitiralles un aumento de persoal de 22 persoas para a totalidade de departamentos dos cales poderían destinar un máximo de 6 a servizos de limpeza e xardinería. Trátase pois dunha cifra lixeiramente xusta xa que para sacalo adiante sen apuros na época estival farían falta ao redor dunha decena de operarios máis. Por iso Gómez aclarou que este será un dos aspectos nos que se centrarán de aquí ás próximas reunións para tratar de cadrar os números que lles permita establecer unha cobertura adecuada.

Outro dos elementos ao que lle están prestando gran atención é o relativo ao departamento de Servizos Sociais. Neste sentido o rexedor matizou que o que están a tratar é de darlle un cambio de enfoque para que esta área signifique máis un dereito que actuacións de beneficencia, “tal e como o vén reflectindo o PP desde hai anos”. A idea viraría ao redor da configuración dunha serie de bolsas para transporte, educación ou comedor “de maneira que todos os mozos poidan optar a unha educación de primeira calidade sen pasar apuros”.

Anuncios