Máis de medio millar de castiñeiros conformarán o “Bosque da Luz” en Chandebrito

A nova acción que levará a cabo a Asociación Galicia Ambiental será a de plantar un bosque experimental con máis de medio millar de castiñeiros próximos a entrada en produción nunha parcela que ademais, será aproveitada para simultanear cultivos como cogomelos. O predio será plantado por un grupo composto de medio cento de voluntarios o vindeiro 14 de marzo nunha das parcelas afectadas polos incendios de outubro de 2017. A Asociación Galicia Ambiental abriu o prazo de inscricións, ata o vindeiro 1 de marzo, para todos aqueles que desexen participar no programa “Voluntariado da Luz”, enmarcado no proxecto “Árbores de Cinza”.

O apoio financeiro da organización do Festival de la Luz de Boimorto permite, por terceiro ano consecutivo, dar continuidade ao proxecto “Árbores de Cinza” que naceu da man de Galicia Ambiental no ano 2018. Este proxecto conta cun conxunto de accións apoiadas en tres eixos fundamentais: divulgación escolar da problemática dos incendios forestais, accións de comunicación e sensibilización e un gran acto de reforestación anual con especies autóctonas. As accións de divulgación e de sensibilización xa se están a desenvolver ao longo de todo o pasado ano, ao igual que ocorre coas charlas nos centros escolares para achegar un pouco máis á comunidade educativa a problemática dos incendios forestais. Amais, para completar este paquete de accións, ábrese o prazo para inscribirse ao programa de voluntariado. Os interesados, poderán facelo a través do formulario da web da Asociación Galicia Ambiental. Os que así o desexen poderán participar o próximo 14 de marzo, no acto de peche da campaña: a plantación do “Bosque da Luz”. Esta última liña de acción, a plantación, celebrarase en Chandebrito, no concello de Nigrán en colaboración coa súa Comunidade de Montes, Asociación Veciñal e Concello.

O “Bosque da Luz”

Será unha acción de reforestación con centos de árbores de castaño, nos que o seu ciclo biolóxico avanzado permitiralle entrar en produción en poucos anos e consolidar unha plantación experimental sostible. A plantación realizarase nos montes de Chandebrito, parroquia que pertence ao concello pontevedrés de Nigrán e que foi asolada polo lume dos incendios de 2017, e vai ser completada con sembras compatibles como novos árbores “microrizados” para obtención de setas.

A plantación do “Bosque da Luz”, cun orzamento de case 14.000 euros, contará con máis de medio milleiro de castiñeiros destinados a crear unha parcela experimental con árbores de produción de castaña, madeira e cogomelos en algo máis dunha hectárea. Con este predio experimental, no Monte Veciñal en Man Común de Chadebrito, preténdese, amais de recuperar unha zona devastada polos incendios forestais, pór en valor unha especie autóctona como é o castiñeiro, que pode chegar a producir un ingreso de máis de 6.000 euros ao ano, cifra ben afastada dos 1.000 se se trata de eucaliptos (nunha plantación de 1 hectárea), especie dominante nas parcelas privadas da zona.

Esta iniciativa completará o proxecto iniciado co “Bosque da Memoria” en Chandebrito e recuperar así unhas das zonas máis afectadas polos incendios en outubro de 2017 en Galicia, e que supuxo a posta en marcha da acción “Árbores de Cinza”. Unha iniciativa que rematará en setembro de 2020 coas melloras que se realizarán no “Bosque da Memoria” e co acto solidario “Apadriña unha árbore”, que se levará a cabo en colaboración coa Comunidade de Montes de Chandebrito.

Anuncios