Gondomar insta á Xunta a mellorar a calidade da atención no Centro de Saúde

O Pleno da Corporación do Concello de Gondomar aprobou na súa sesión deste xoves unha moción do BNG na que insta á Xunta a mellorar a calidade da atención sanitaria no Centro de Saúde de Gondomar.

“Nos últimos anos desde o BNG vimos denunciando a situación de deterioro da sanidade pública provocado pola nefasta política do Partido Popular. A folla de ruta de Feijóo á fronte da Xunta foi, a través dos recortes en orzamentos e persoal coa escusa da crise, deteriorar a sanidade pública e darlle negocio á privada”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez. “E a atención primaria é o sector da sanidade que veu padecendo máis recortes: centros de saúde obsoletos, infraestruturas sen rematar de construír durante anos, e unha política de persoal infame, cunhas condicións de traballo e salario indignas, mentres o PP segue a escudarse en que non hai profesionais. O BNG temos presentado iniciativas parlamentares con alternativas consensuadas cos sectores profesionais que son desbotadas pola Consellería, porque a súa aposta é a privatización e, o paso previo, o desmantelamento da sanidade pública”.

O novo Centro de Saúde mantén o mesmo número de consultas que o anterior

Neste contexto, recentemente inaugurábase o novo Centro de Saúde de Gondomar despois de máis de catro anos en construción. Unha instalación sanitaria que foi obxecto de redución respecto da súa dimensión inicial polo PP e a súa política de recortes, que provocou que xa desde a súa inauguración conte con prestacións insuficientes para a poboación que debe atender.

Reiteradamente o PP saíu aos medios de comunicación anunciando como extraordinario que ese novo centro de saúde ía contar con seis consultas de medicina de familia e unha de pediatría, cando son exactamente as mesmas que había no anterior centro e son claramente insuficientes. E que no caso da atención pediátrica é especialmente negativo porque, continuar cunha soa quenda de mañá, significa manter unha situación de cupo excesivo, coa conseguinte sobrecarga da profesional que a atende e que no seu día xa obrigou a derivar a familias de novas crianzas a consultas de pediatría noutros concellos do Val Miñor, ademais de non contribuír á conciliación das vidas das familias.

Pois ben, “pouco máis de un mes despois da apertura do “flamante” novo Centro de Saúde, neste Nadal xa tivemos mostra dos efectos desta política sanitaria do PP: ao non cubrir a Consellería de Sanidade as vacacións das profesionais, producíronse deficiencias e atrasos na atención, con demoras nas citas de até dúas semanas, xa que ou o resto dos profesionais se viron na obriga de asumir as consultas dos que faltaban, incrementando o seu volume de traballo, ou simplemente non houbo atención sanitaria durante ese período”, indica a concelleira. Provocando a necesidade de realizar axustes nas axendas, cos conseguintes trastornos para os pacientes que mesmo se ven obrigados a acudir ao centro de saúde en horarios que non son os seus habituais ou a facelo en máis de un día; ou obrigando ás familias a se desprazar ao PAC da Xunqueira para recibir atención pediátrica para as súas crianzas e incrementando tamén a carga de traballo do/a profesional dese centro.

Por esa razón, a moción presentada polo BNG e aprobada por toda a corporación a excepción do PP, contemplaba os seguintes acordos:

A) Instar ao Goberno galego a:

1.- Substituír ao persoal do Centro de Saúde de Gondomar nas súas baixas, licenzas ou vacacións.

2.- Aumentar o cadro de persoal do Centro de Saúde de Gondomar (medicina de familia, matrona, enfermería,…) co número de profesionais precisos para poder prestar unha atención sanitaria de calidade á súa poboación de referencia.

3.- Dotar ao Centro de Saúde de Gondomar dunha nova praza de atención pediátrica en horario de tarde, para desconxestionar o cupo de mañá e para contribuír á conciliación laboral e familiar.

B) Apoiar a manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro 9 de febreiro en Compostela.

Anuncios