Baiona e Gondomar contarán cunha aplicación para a xestión electrónica das sancións de tráfico

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar por 92.020,50 euros a adxudicación do contrato para a implementación e posta en funcionamento da aplicación electrónica destinada á axilización da tramitación de denuncias por infraccións de tráfico en 24 concellos da provincia. Dito contrato foi outorgado á empresa “Gestión Tributaria Territorial S.A.”.

Este software xa estaba sendo empregado en Caldas de Reis e O Porriño. A finalidade desta aplicación é facilitar o uso dos teléfonos intelixentes como instrumentos de captura de denuncias de tráfico naqueles concellos nos que o Servizo ORAL xestiona a tramitación destas notificacións.

A iniciativa da institución provincial chegará deste xeito a Baiona, Cambados, A Cañiza, Cangas, Cuntis, A Estrada, Gondomar, O Grove, Lalín, Meaño, Moaña, Mondariz, Mos, As Neves, Ponte Caldelas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa. Estes concellos súmanse aos de Caldas de Reis e O Porriño, nos que este novo sistema xa está a funcionar dende hai uns meses. Polo tanto, serán un total de 26 concellos os que dispoñan desta aplicación.

A Deputación de Pontevedra ten encomendadas as facultades de xestión e recadación das multas de tráfico así como a encomenda de colaboración na tramitación dos expedientes sancionadores en materia de tráfico por parte dos concellos da provincia. A través desta iniciativa a institución provincial continúa esforzándose por dotar de novos medios tecnolóxicos e servizos do século XXI aos municipios máis pequenos.

Anuncios