Araújo denuncia que a APLU “ataca de novo” mentres o goberno municipal “pasa de todo”

No pasado mandato municipal, baixo a responsabilidade política de Antonio Araújo, e co obxectivo de paliar e/ou axudar a resolver determinadas situacións urbanísticas derivadas da falta de normativa que amparase legalmente a construción de novas vivendas; permitir a ampliación ou reforma das existentes, ou a legalización daqueloutras que incluso quedaran atrapadas cando a anulación do PXOM de 1997, etc, e á vista da problemática existente derivada do acoso selectivo que APLU iniciou en Gondomar contra ducias de vivendas, moitas delas en fase de legalización cando a anulación do PXOM, e todas elas situadas en núcleos rurais tradicionais perfectamente definidos, incluso na maioría dos casos con todos os servizos públicos existentes (auga pública, electricidade, saneamento, acceso rodado, teléfono..). Pois ben, con esa idea procedérase naquela altura á delimitación dunha serie de núcleos dos cales dous están aprobados e en vigor (Prado e Campo Grande), quedando o resto pendentes dos informes da Xunta para a súa aprobación.

“Efectivamente os informes da Xunta chegaron ao Concello en xullo de 2019 solicitando máis documentación para completar os expedientes dos devanditos núcleos. Documentación relacionada en xeral, solicitando aclaracións sobre asuntos relacionados co Patrimonio Histórico ou de elementos de interese patrimonial”, sinala Antonio Araújo, quen asegura que a día de hoxe nada se fixo por parte da Administración Local, “nin un só papel se enviou á Xunta de Galicia sabendo como sabe o actual goberno municipal que estamos diante de posibles derrubamentos de vivendas, de fortes sancións económicas e mesmo de penas de cárcere”. Para Araújo, o goberno de Paco Ferreira segue instalado na política da foto e da propaganda “no canto de actuar en algo prioritario e básico para as persoas como é o dereito a ter unha vivenda digna”. Todo isto veuse agravado estes días coas notificacións ameazantes da APLU que están recibindo os propietarios das vivendas expedientadas malia estar informada formalmente de que son perfectamente legalizables coas delimitacións en marcha, e que non se trata, nin moito menos, de aberracións urbanísticas.

Dende Manifesto Miñor-En Marea esíxenlle ao Alcalde que asuma a súa responsabilidade e acabe con tanta desidia neste asunto, “que para iso ten un goberno con maioría absoluta, con 7 dedicacións de 9, e por riba contando neste momento cun Departamento de Urbanismo dotado abondo con dous arquitectos e un arquitecto técnico”. Asemade, segundo Araújo, debe poñerse en contacto inmediato cos responsables da APLU, “como fixemos outros no seu día, para paralizar este disparate”.

Por último, desde Manifesto Miñor-En Marea queren lembrarlle á APLU, como organismo público encargado de velar pola legalidade urbanística, dúas cousas: “A primeira, que antes de proceder á apertura de expedientes contra as vivendas das persoas, lea a Constitución e o articulado que fala do dereito a unha vivenda digna. CERO euros en investimento para vivenda pública por parte da Xunta de Galicia. E en segundo lugar que actúe coa mesma firmeza contra os grandes infractores que esquivan as leis a base bos avogados en preitos e recursos sen fin até que a Lei lle sexa favorable”.