Nigrán ofrece un curso de manipulación de arxila aos usuarios do Centro Juan María

O Concello de Nigrán puxo en marcha esta semana un curso de manipulación de arxila dirixido aos usuarios do Centro de Educación Especial Juan María. O alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado entre outros da edil de Servizos Sociais, Bibiana Peixoto, acudiu esta mañá ao segundo día deste obradoiro, que se desenvolve nas antigas escolas de Balinfra (Camos) as mañás dos luns e xoves durante 10 sesións de dúas horas cada unha. Ao longo deste tempo, os diferentes usuarios da entidade irán participando no mesmo.

“Precisamente unha das casas dos mestres desta escola esta cedida ao Juan María como programa de respiro familiar, polo que esta é unha actividade que complementa moi ben os diferentes obradoiros que aquí desenvolven en colaboración con Vaimillor, a quen a súa vez cedemos este aula”, explica o rexedor.

O Concello de Nigrán ofrece esta iniciativa en concreto porque contribúe a desenvolver a motricidade fina e a creatividade, estimula á relaxación e a concentración, promove a consecución de obxectivos e axuda na xestión da emoción e a frustración.