Teatro do Ar representa “Lume” este sábado no Auditorio Lois Tobío de Gondomar

Teatro do Ar levará o realismo máxico da súa obra “Lume” ao auditorio Lois Tobío de Gondomar este sábado ás 20:00 horas. A actuación forma parte da Mostra de Teatro Afeccionado do Val Miñor e Oia que organiza o Concello de Gondomar e o IEM.

“Lume” é unha historia na que a maxia e a realidade entrecrúzanse nunha atmosfera de violencia e amor entre os comuneiros da ficticia vila mariñeira de Neira (podería ser Nigrán, Baiona…) nos anos 30 do século pasado. É unha obra orixinal do novo director nigranés de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez Villar, que mestura o teatro coa música. Como naqueles espectáculos de cinema mudo a música en directo terá unha gran presenza en momentos da representación.

A banda sonora correrá a cargo da nova compositora de Vilariño, Lucía Doval, que co seu piano, é graduada en piano polo Conservatorio Profesional de Música de Vigo, poñerá ritmo a tres escenas cruciais na trama.

A obra presentará un formato arriscado e que busca que o público poida vivir o teatro da maneira máis próxima posible. “É unha historia na que buscamos que o realismo máxico invada todo. Quero que non saibamos distinguir entre a realidade e a maxia”, explica o director de Teatro do Ar.

No proceso creativo de “Lume ”, Teatro do Ar volveu colaborar con artistas de toda a comarca. Un dos obxectivos da compañía é visibilizar o arte que se fai na zona a través do teatro. A música correrá a cargo de Lucía Doval, compositora en cernes de Vilariño, as ilustracións promocionais creounas a debuxante de 20 anos de Mougás (Oia), Sandra Rodríguez, e os traxes de época foron confeccionados por dúas deseñadoras de Nigrán: Martina Mourelle de Panxón e Ana Isabel Barros de Priegue.

Anuncios