“La Llave” e “Avicolor Pinturas” gañan o Certame “Decorando Baiona no Nadal”

Con motivo da resolución do Certame “Decorando Baiona no Nadal 2019-2020”, convocado polo Concello de Baiona para axudar a potenciar e incentivar a decoración das fachadas, escaparates e o interior dos establecementos comerciais durante a campaña do Nadal 2019-2020, entregáronse esta mañá no salón de plenos do Concello os premios aos gañadores do concurso.

Presentáronse un total de 10 establecementos, resultando gañador do premio á Mellor Decoración “La Llave” e do premio á orixinalidade e innovación “Avicolor Pinturas”, ambos os dous cun importe de 375 euros.

O xurado estivo composto polo presidente de Aceba, o vicepresidente de OVALMI, un representante de COEMSA, unha persoa destacada no municipio relacionada coas Belas Artes e 3 funcionarios do concello. A resolución dos premiados foi acadada por unanimidade dos membros do xurado.

Neste acto, no que ademais dos membros do xurado estivo presente tamén o Alcalde, Carlos Gómez, e a Concelleira de Cultura, Miriam Costas, o rexedor aproveitou para agradecer a colaboración da Asociación de Comerciantes de Baiona (ACEBA) na organización do Bai Nadal, xa que todos os eventos destas datas foron organizados por ambas as dúas entidades co obxectivo de activar o comercia local. Tamén resaltaron que lles gustaría acadar o recoñecemento de Baiona non só na época estival senón tamén na época do Nadal.

Ademais outra medida levada a cabo por Aceba para incentivar o comercio baionés foi o sorteo dunha viaxe a Londres para dúas persoas e un curso de inglés incluído para o gañador. Para participar os interesados tiñan que selar un pasaporte con 3 compras ou servizos de establecementos do municipio e o sorteo realizouse esta mañá despois da entrega dos premios de decoración do Nadal, resultando gañador Juan Antonio Souto Veleiro.

Anuncios