Íñigo Rodríguez e Pelayo Monasterio apontoan o renovado proxecto do Vigo-Rías Baixas

Na conta atrás para o arranque da tempada a principios do mes de febreiro, o Vigo-Rías Baixas apontoa o seu persoal con dous ciclistas de 20 anos. O galego Íñigo Rodríguez e o asturiano Pelayo Monasterio únense á estrutura presidida por José Luis Chamorro procedentes do Aluminios Cortizo. Estas incorporacións sitúan en trece a cifra de fichaxes realizadas polo conxunto flúor para o seu renovado proxecto.

O director deportivo Marcos Serrano dirixiu a pasada campaña tanto ao corredor de Mos como ao de Navelgas. A súa relación deportiva con Íñigo Rodríguez vén de máis atrás, cando o ex ciclista de Chapela estaba á fronte da Escola de Ciclismo de Redondela.

“Foi campión galego cadete”, apunta o máximo responsable técnico do Vigo-Rías Baixas: “Empezou moi ben como sub-23 no Aldro Team e gañou unha etapa da Volta a Salamanca no seu primeiro ano na categoría. A pasada tempada tivo un pequeno baixón e agora busca darlle un impulso á súa carreira”.

Pelayo Monasterio compartirá equipo por terceiro curso consecutivo co mosense Rodríguez e tamén confía en recuperar as boas sensacións sobre a bicicleta tras sufrir unha lesión a metade de 2019. Serrano considérao “un corredor potente en todos os terreos. Se está en forma deféndese ben en carreiras dun día. O seu obxectivo é crecer en regularidade”.

Presentación

O próximo 1 de febreiro os dous últimos reforzos anunciados polo conxunto olívico participarán na presentación oficial do Vigo-Rías Baixas que terá lugar a partir das 20:30 horas no Parador de Baiona. Esta cita tampouco lla perderán as outras once caras novas do equipo: Brais Gómez, Manuel Sampedro, Jon Tena, Mauricio Moreira, Víctor Etxeberría, Íñigo González, Edwin Torres, Noel Martín, Joan Nicolau, Joan Nicolau e Guillermo Mallo. A esta nómina está previsto que se some outro corredor a próxima semana.