Finaliza a fase de demolición do mercado de Sabarís

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Obras de rehabilitación do mercado de Sabarís.

As obras de rehabilitación e reconversión do mercado de Sabarís nun centro multiusos continúan segundo o establecido e os traballos de demolición de todos os elementos periféricos á estrutura orixinal do inmoble xa están rematados. Chegados a este punto o inmoble loce un aspecto pouco usual, polo menos para os que non pasan pola contorna da Praza Victoria Cadaval habitualmente, no que se poden apreciar con claridade os alicerces e a cuberta orixinais coas súas cerchas de formigón, que foron obxecto de limpeza con máquinas de chorro a presión.

Agora queda por diante a fase de construción dos novos espazos ademais das instalacións de auga, electricidade, acabados interiores e illamento. O alcalde Carlos Gómez explicou que contan con que o edificio estea acabado entre o mes de marzo e o de abril e que pese ao atraso inicial co que comezaron as actuacións a súa execución está a se desenvolver con relativa rapidez. Ademais acaban de recibir o visto e prace de Patrimonio para continuar despois de facer unhas catas arqueolóxicas unha vez retirado o firme do seu interior, ao atoparse construído nunha contorna sensible.

As obras sufriron varias demoras, o que provocou unha dilatación na súa data de inicio de case medio ano. Nun primeiro momento o seu comezo estaba programado para xuño e o prazo de finalización do inmoble estableceuse inicialmente cara a finais do pasado ano. Unha data facilitada en maio de 2019 polo anterior alcalde da vila, Ángel Rodal, con todo o novo goberno formado por BNG, Nós e PSOE determinou a conveniencia de limitar os traballos de derriba ao interior do inmoble por seguridade e debido aos trastornos que as actuacións poderían causar nunha zona na que a poboación aumenta considerablemente en tempada estival. Con todo finalmente optaron por atrasar o inicio das obras a setembro e unha vez máis as demoras volveron facer acto de presenza, aínda que nesta ocasión debido ao adxudicataria Coto Estudios y Construcciones S.L. cun intento errado de renegociación do contrato de execución no que trataban de lograr un complemento do 10% sobre o importe fixado finalmente en 556.000 euros, 74.000 menos que o de saída.

O inmoble con preto dun centenar de anos pretende converterse nun novo punto de encontro no que se aglutinará unha zona comercial e outra social coma se dunha praza cuberta tratásese. Un dos principais obxectivos da iniciativa é a de dotar de gran versatilidade ás instalacións de 700 metros cadrados mediante biombos, que dividirán as diferentes estancias de maneira que poidan reconfigurarse en función das necesidades de cada momento.

Anuncios