Un centenar de escolares plantan 30 abetos no primeiro “Bosque de Nadal” de Nigrán

O Concello de Nigrán realizou este mediodía no parque público de Poutón (Vilariño) a plantación de 30 abetos reunidos na primeira campaña municipal de recollida de árbores de Nadal co obxectivo de promover a sostibilidade e a concienciación ambiental entre a veciñanza. Cen escolares de todos os colexios de primaria do municipio e usuarios do Juan María, co apoio do persoal das concesionarias Brocoli, Cespa e Aqualia e dos viveiros de Nigrán Figuerago e Casaplanta, fixeron realidade este “Bosque de Nadal”, unha iniciativa pioneira e que se repetirá ano a ano.

Baixo este criterio sostible, o Concello implicou aos colexios públicos como punto de recollida dos exemplares entre os días 8 e 10 de xaneiro. Na campaña colaboraron desinteresadamente as concesionarias CESPA trasladando os exemplares, Brocoli (adxudicataria da conservación e reposición de zonas verdes) na plantación e poda e Aqualia no rego empregando só auga dos tanques de tormenta de Porto do Molle, o que permite a súa reutilización. Deste xeito, o Concello desenvolve unha iniciativa de economía circular contemplada na Axenda 2030 para acadar os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible a través das alianzas.

“Trátase dunha campaña do Concello de Nigrán na que tamén implicamos a empresas e cidadanía en xeral porque o obxectivo non é só crear un bosque, imos máis alá, buscamos a concienciación ambiental, difundir a reutilización e, en definitiva, a sostibilidade”, defende o alcalde, Juan González, quen preside o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que, entre outras cuestións, promove intensamente na política local a Axenda 2030.