Nigrán inicia as obras para humanizar a Praza da Carrasca

O Concello de Nigrán iniciou as obras de humanización da Praza da Carrasca (parroquia de Parada) co obxectivo de mellorala esteticamente reordenando o tráfico neste núcleo e dotándoa dun pavimento de pedra máis acorde coa contorna, xa que actualmente é de asfalto a pesar de considerarse zona verde. Os traballos, adxudicados a Audeca por 73.595 euros con cargo ao Plan Concellos 2018, teñen un prazo de execución de dous meses.Trátase dunha actuación moi demandada por parte dos veciños de Parada-A Carrasca, por este motivo, o Concello xa contratara o proxecto en xuño de 2017, demorándose por todos os informes sectoriais necesarios para iniciar a tramitación, xa que este núcleo constitúe unha das poucas carballeiras “urbanas” que hai en Nigrán.

O acondicionamento da praza implica a demolición e levantado do pavimento existente, escavación para poñer o novo firme, colocación de bordos graníticos e pavimentado mediante lastras (13×13 cm) e lousas tamén de pedra (60×40 cm) asentados sobre morteiro e base de formigón. “Na actualidade non hai unha ordenación do núcleo que canalice o tráfico dunha forma eficiente e segura e o pavimento de asfalto non é acorde á zona verde na que se asenta, o obxectivo é humanizar a contorna e poñela en valor como gran punto de encontro e de lecer da parroquia”, incide o alcalde, Juan González. Neste sentido, como parte da primeira fase, acondicionouse previamente a zona do xogo de bolos e rehabilitouse integralmente o parque.

Anuncios