
O Concello de Nigrán vén de acadar o distintivo Bandeira Azul para os areais de Praia América, Patos e Panxón, ademais do sendeiro litoral de Panxón-Praia América. O Concello mantén así as tres ensinas do ano anterior, as mesmas que solicitara a ADEAC para este ano 2018 tras comprobar que gozaban dunha cualificación anual “Excelente” das súas augas, requisito indispensable para optar a ela. «O distintivo vén a corroborar unha vez máis a calidade excelente das augas e os servizos nas principais praias do municipio”, sinala o alcalde de Nigrán, Juan González, quen recorda que Panxón a recuperou xa no 2017 tras non ondear nela dende 2010.
Ademais das bandeiras azuis, o municipio goza de catro bandeiras Ecoplayas, sendo Praia América a primeira en obter este certificado en 2010 (o mesmo ano en que naceu ATEGRUS “Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente, quen as outorga) no 2011 sumouse Panxón, no 2012 Patos e no 2013 Area Fofa. Dende entón as catro manteñen este distintivo grazas á política de conservación dunar, ás actividades medioambientais e deportivas que nelas teñen lugar ou a conservación da contorna natural.