Derrota do Cereixa ante un Santiago Futsal que tivo que suar a camiseta

Derrota máis que digna do Cereixa nos 1/4 de final da Copa Galicia ante un Santiago Futsal que tivo que suar para sacar o partido adiante no fortín de Gondomar. “Sabiamos que era unha tarefa moi difícil e que as posibilidades eran escasas pero o equipo (amparado na afección) pelexou desde o primeiro minuto e nivelou a superioridade física e de xogo que albergan os visitantes”, sinalan desde o club de Vincios.

O partido comezou cos locais por diante cun gran gol de Luca tras unha saída de presión e unha triangulación perfecta que terminaba na rede (1-0). Pouco despois, os visitantes apertaron o acelerador e case consecutivamente, puxéronse 1-2. O Cereixa facía pé nun encontro cun alto ritmo físico e mesmo se daba o luxo de anticipar algún pase visitante como o empate que chegaría por medio de Rubén tras roubo e definición por baixo (2-2). O Santiago Futsal volveu adiantarse ante practicamente o único descoido da boa defensa local (2-3).

Pero antes do descanso, unha falta sobre Gaby sería sinalada como a sexta e Hugo non perdoaba a ocasión; disparo axustado e 3-3. Descanso e xogadores a vestiarios. Sorteo dalgúns obsequios e momento para o goce dos afeccionados.

Na continuación o visitante saíu a media pista e evitou a presión alta en clara intención de non deixar espazos ás costas. O tempo pasaba e o electrónico non se movía… tivo que ser de estratexia cando o Santiago Futsal desatascou o encontro cun saque de banda que terminaba na portería local despois dunha boa combinación (3-4). O Coperfi Cereixa Gondomar FS mantíñase vivo a pesar de estar por detrás no marcador pero a falta de 7 minutos, un golazo doutro partido poñía terra polo medio para o visitante (3-5).

O local queimou todos os cartuchos e tirou de ataque en superioridade pero unha boa contra dos visitantes pechaba case o partido co 3-6 e dous minutos por xogar. Aínda así os de Vincios seguiron apertando e Rubén marcaría o 4-6 a falta de 20 segundos para a conclusión. Só houbo tempo para un último envío que acabou cun disparo do porteiro visitante atopando portería para o 4-7 final.

Terminaba así a máis que meritoria participación do Cereixa na Copa Galicia eliminando previamente ao Leis FS e ao Pazos de Borbén FS. “Hoxe competiuse ben e os xogadores deron todo o que tiñan dentro para estar á altura das circunstancias… o resultado final pola ovación do final é digno de mención. Un grazas especial á afección que encheu o Municipal de Gondomar para vivir un partido histórico. É un gusto contar con todos vós e fostes clave para chegar ata aquí. Agora a centrarnos na liga que é o noso principal obxectivo como cada ano”, conclúen desde o equipo gondomareño.

Anuncios