Nigrán adxudica as obras de pavimentación e humanización da rúa Vista ao Mar por 42.896,61€

A mesa de contratación celebrada este xoves adxudicou as obras de Pavimentación e Humanización da Rúa Vista ao Mar (Lourido) á empresa NAROM S.L. por un importe de 42.896,61€, cunha partida provinte dos proxectos incluídos polo goberno de Nigrán no Plan Concellos 2019.

A finais de 2019 foi remodelada a rotonda de acceso ao Barrio da Area na PO-325 e nesta segunda fase substituirase o deteriorado firme de lousas de pedra de toda a rúa Vista ao Mar por aglomerado asfáltico, ademais humanizarase a zona dos olmos incorporando pedra e espazos verdes.

As obras consistirán na demolición e levantado das lousas e aglomerado asfáltico existentes; reposición do firme mediante unha capa de MBC de 10 cm.; apertura de caixeo para executar o novo empedrado na contorna da zona verde e pavimentación mediante lastras de pedra asentadas en morteiro sobre soleira de formigón e finalmente pintado de toda a rúa Vista ao Mar.

“Soluciona un problema de seguridade viaria e accesibilidade nun tramo moi frecuentado no Barrio da Area (San Pedro da Ramallosa) xa que neste espazo concéntrase un importante número de establecementos hostaleiros e é un dos accesos principais ao Areal de Lourido – Praia América. É unha obra necesaria e moi demandada polos veciños”, sinala o alcalde, Juan González.

Co inicio das obras de Acondicionamento e Humanización da Praza da Carrasca (Parada) a semana do 13 de xaneiro, adxudicadas á empresa AUDECA, o Concello de Nigrán xa só ten pendente de investir do Plan Concellos 2019 a pavimentación dos Camiños Cotros de Arriba, O Rego, Igrexa, Ana Isabel Costas Piñeiro, Pereiro, Pereira, Altamira, Mallón-Pedreiros e Pontillón, todos eles na parroquia de San Pedro da Ramallosa e pendentes dunha autorización de Patrimonio dende principios de 2019.