Guillermo Mallo regresa á súa cidade para correr no Vigo-Rías Baixas

O Vigo-Rías Baixas non tivo que saír da súa cidade para incorporar ao seu décimo reforzo para a tempada 2020. O ciclista vigués Guillermo Mallo defenderá na súa terceira campaña como sub-23 as cores da estrutura presidida por José Luis Chamorro. Chega procedente do Aluminios Cortizo de Padrón, onde xa tivo como director a Marcos Serrano.

Campión de Galicia júnior en 2017, Mallo formouse nas filas do Club Ciclista Vigués. Á progresión mostrada nas categorías inferiores deulle continuidade nos seus dous primeiros cursos competindo no pelotón amateur. “En 2019 tivo un crecemento bastante importante e esperamos que este ano sexa un dos novos puntais do equipo”, afirma Serrano.

O regreso do director de Chapela ao Vigo-Rías Baixas resultou clave para que o ciclista nado en 1999 apostase de novo por un equipo da súa localidade natal. Entre as súas virtudes, Serrano destaca “a regularidade e o batallador que é” e na nova tempada confía en que “consiga subir un banzo en canto a calidade. Iso é o que se busca nos corredores de terceiro ano. Ten calidades, ganas e só fáltalle lograr un resultado que dispare a súa confianza”.

As probas puntuables para a Copa de España serán un dos primeiros obxectivos no calendario de Mallo. As clásicas do certame estatal non son ningunhas descoñecidas para el. Por exemplo, a pasada tempada rodou fuxido no Circuíto do Guadiana, carreira que abrirá unha nova edición da Copa o próximo 1 de marzo.

A fichaxe deste ciclista de 20 anos únese aos doutros cinco sub-23 (Manuel Sampedro, Iñigo González, Brais Gómez, Jon Tena e Asier González) e aos de catro elites (Mauricio Moreira, Víctor Etxeberria, Noel Martín e Edwin Torres). Dez caras novas ás que se sumarán catro corredores máis durante este mes de xaneiro.

Anuncios