A Cabalgata de Reis de Baiona repartirá 2.000 quilos de caramelos

O domingo 5 de xaneiro está previsto que as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visiten Baiona subidos nas súas maxestosas carrozas e desfilando na gran Cabalgata de Reis que organiza o Concello de Baiona.

O percorrido comezará ás 17:00 horas en Sabarís. Sairá desde a rotonda da Urbanización Puente Romano percorrendo as principais rúas da parroquia de Santa Cristina, pasando pola rúa Julián Valverde, Praza Victoria Cadaval, onde os Reis farán unha pequena parada, continuarán pola Porta do Sol, Avda. Urbana ata chegar á praia de Santa Marta.

Desde Santa Marta a Cabalgata partirá ás 18:00 horas e percorrerá as principais rúas da vila, pasando pola Avda. Monterreal, Alférez Barreiro, Paseo Elduayen ata o Hotel Pinzón, onde a Comitiva Real continuará a pé ata a Praza do Concello. Alí os Reis recibirán a todos os nenos que queiran entregarlle a carta e falar persoalmente con eles.

O corte de tráfico realizarase desde a rotonda de Puga ata a de Villa Rosa de 17:45 a 20:30 horas.

A comitiva principal estará composta por uns 7 módulos, encabezada pola Rondalla Helios de Bembrive con 80 compoñentes, o Mini Bus de Aceba con Elsa e Olaf e coas patinadoras do Club Patinaxe Baiona. Continuará a carroza do Club de Fútbol Sala Baíña con 100 membros, a do Erizana Fútbol Club de Baiona con 20 compoñentes, a do grupo de baile Giro’s de Baíña con 50 compoñentes e o grupo Ardelume con 20 compoñentes.

En canto á animación infantil, este ano o Concello de Baiona conta co grupo de animación portugués Spirit, que abrirá a Comitiva Real cun séquito de figuras acrobáticas, 2 bicicletas xigantes, unha roda circense, 3 malabaristas con mazas e pelotas, 2 zancudos animados e 2 osos xigantes cos seus domadores, personaxes todos característicos do mundo do circo a xogo coa temática das carrozas que encherán de fantasía e ilusión aos máis pequenos da casa.

Para a ocasión a Concellería de Cultura reforzou a luminaria das carrozas reais cun total de 10 millóns de luces led repartidas entre as carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar.

O Concello de Baiona repartirá en total uns 2.000 quilos de caramelos aptos para celíacos nos máis de 2 quilómetros de percorrido da Cabalgata.

Anuncios