Os bombeiros rescatan un coello dun incendio nunha vivenda de Baiona

Os servizos de emerxencias rescataron esta tarde a un coello localizado no interior dunha das habitacións dunha casa na que se produciu un incendio. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o lume puido comezar nun electrodoméstico situado nun cuarto e rematou por afectar a toda a vivenda debido ao intenso fume.

O incendio empezou pouco antes da unha desta tarde, tal e como indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para advertir de que saían chamas pola fiestra dunha vivenda situada na Rúa Loureiral de Baiona. Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros do Baixo Miño, así como dos membros do GES de Val Miñor, para sufocar un lume que arrasou os mobles da habitación e provocou unha intensa fumareda en toda a vivenda. Ademais, os efectivos de emerxencias tiveron que rescatar a un coello que se atopaba no interior da vivenda e necesitou dos coidados dun profesional debido ás lesións que presentaba.

Igualmente, os equipos de extinción contaron co apoio dos axentes da Policía Local.