O BNG de Gondomar pide a instalación dunha cociña que dea servizo a todos os centros educativos

O pleno do Concello de Gondomar aprobou na derradeira sesión de 2019 unha moción do BNG a respecto da xestión dos comedores escolares do concello.

O BNG considera prioritario que a administración pública facilite os servizos complementares como comedor ou as aulas matinais no ensino público porque, ademais de seren educativos e de saúde, son elementos primordiais para a conciliación das vidas familiares e laborais. Por iso, considera que debera asumir, paulatinamente, a súa xestión pública e directa desde a administración galega, para garantir o dereito de acceso a este servizo complementario e, sobre todo, a unha alimentación de calidade e de proximidade.

“O alumnado escolarizado no ensino público de Galicia debería ter dereito a facer uso do servizo de comedor escolar, e desde logo o alumnado que ten que facer uso do transporte escolar para a súa escolarización debería ter acceso gratuíto ao comedor escolar, establecendo uns prezos módicos para o resto do alumnado, co obxectivo final de conseguir o acceso gratuíto para todo o alumnado do ensino obrigatorio e infantil”, sinala Manuela Rodríguez Pumar.

A Portavoz Municipal do BNG recorda que o Partido Popular privatizou e externalizou este servizo “con nefastas consecuencias para o alumnado”. “No caso de Gondomar, o modelo de xestión que Xunta e Concello comparten é un modelo que ofrece comida de baixa calidade, cociñada en produción industrial, lonxe dos lugares onde se come e con moitas horas de antelación ao momento do xantar. O contrato do servizo ofertado polo concello contempla un prezo por menú que non garante a calidade e que só beneficia ás empresas, que buscan a rendibilidade do negocio rabuñando o que poden a cada menú e a cada salario dos e das súas traballadoras. Isto ten provocado ultimamente problemas co estado da comida que chega aos comedores escolares, ademais doutras incidencias detectadas polas persoas que atenden o xantar nos colexios e que veñen denunciando as ANPAS do concello”.

Tamén hai deficiencias nos espazos para comedor de que dispoñen algúns centros. Así, no colexio Souto-Donas, nun comedor con espazo para 25 persoas vense obrigadas a comer en dúas quendas, coa conseguinte présa dos primeiros para que non coman frío os segundos, que non conseguen. No Serra-Vincios tamén hai problemas de espazo. Algo moi negativo tendo en conta que o espazo, o tempo e o ambiente no que comen as e os escolares incide de xeito considerable na súa relación coa comida e co feito de se alimentar.

As familias, a través das ANPAS, están a solicitar un modelo diferente, apostando por unha elaboración de proximidade, baseada na calidade dos produtos e na comodidade de nenas e nenos, que dea seguridade ás familias. Por esa razón, a moción presentada polo BNG e aprobada polo pleno, a excepción do PP, contemplaba os seguintes acordos:

– instar ao goberno local e o galego a acometer a ampliación dos comedores alí onde sexa necesario, e a facilitar, no inmediato, o investimento e instalación dunha cociña nun centro escolar do concello que dea servizo a todos os demais centros de Gondomar, incluídas as aulas do CRA Antía Cal de todas as parroquias e os centros de secundaria, para que a empresa que actualmente presta o servizo elabore os menús na proximidade dos centros e con produtos de calidade.

– instar ao goberno da Xunta a retomar a xestión pública dos comedores para garantir o dereito de acceso a este servizo complementario, que é tamén educativo, e a unha alimentación de calidade e de proximidade.

Anuncios