O gondomareño Ricardo Buba proclámase campión galego de ciclocrós

FOTO: LUZ IGLESIAS // Ricardo Buba.

Non houbo sorpresas no Campionato de Galicia de Ciclocrós 2019 celebrado este domingo no Porriño. A dúas semanas para que se dispute o Campionato de España en Pontevedra, os mellores especialistas autonómicos exhibiron o seu estado de forma na última proba do ano.

Nunha xornada na que acompañou o tempo e déronse cita preto de 400 participantes, o gondomareño Ricardo Buba (Coruxo) non deixou escapar a primeira posición na carreira masculina cadete. A A.D. Avanza sumou dous podios nesta categoría, co segundo posto de Iván Fernández e o terceiro de André Martínez.

A entrega de premios contou coa presenza de Daniel Benavides, responsable da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en Pontevedra; David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño; Miguel García, presidente da A.D. Avanza; e de Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

A vindeira fin de semana o ciclocrós autonómico vivirá as dúas últimas probas puntuables da Copa Galicia, o sábado en Verín e o domingo en Maceda. Esta dobre cita será o derradeiro ensaio antes do Campionato de España en Pontevedra.

Anuncios