Sin categoría

Premian ao IES Primeiro de Marzo de Baiona polo seu proxecto “mClon Robot”

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder a 6 centros educativos galegos os premios da terceira edición do certame Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D, que ten como obxectivo recoñecer o traballo realizado nos centros cos materiais e a formación recibida nestes ámbitos. A convocatoria establece dúas categorías, con tres desafíos cada unha delas (Desafío Robots, Desafío Programación ou Desafío Impresión 3D). O premio ascende a 2.000 euros para o equipo docente dos centros gañadores nos diferentes desafíos de cada categoría.

Alumnos de Tecnoloxía Industrial de 2º de Bacharelato do IES Primeiro de Marzo de Baiona que no pasado curso 2018-2019 traballou no proxecto mClon Robot, deseñando pezas para imprimir, conectando e programando novos sensores e actuantes e axudando na documentación co IDE de Arduino, foi premiado na categoría afondamento “Desafío Robots”. O Desafío Robots consistiu nun proxecto no que nun escenario un ou varios robots realizan determinadas accións ou tarefas encamiñadas a darlle solución a unha situación que teña aplicación na realidade da vida diaria, da industria etc.

O equipo gañador estaba formado por Luis Corbacho, Javier Español, Ana Fernández, Samuel Ferreira, Javier Giráldez, Borja Rial e Martín Aballe. Todos os proxectos presentados debían estar elaborados enteiramente polo alumnado coa dotación que a Consellería realizou aos centros públicos de ensino non universitario dende o curso 2016/17, tales como equipamento de robótica educativa, placas de Comunicación e Programación e equipo de Impresión 3D.

Para empregalos, o alumnado conta cos coñecementos específicos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) presentes nas aulas galegas a través das distintas materias troncais, específicas e máis concretamente nas materias de libre configuración autonómica de Programación para a educación secundaria obrigatoria e Robótica para bacharelato.