Nigrán pecha o ano con teatro e outras artes

Nigrán vai pechar este sábado o seu ano artístico cun día dedicado ás artes e a creación dos novos artistas do Val Miñor. O grupo Teatro do Ar e o Concello de Nigrán organizan este sábado 28 de decembro no Auditorio Municipal un día completo de actividades artísticas. O prato grande será ás 21:00 horas cunha gala de microteatro, danza, música en directo e poesía. Pero antes tamén se organiza un obradoiro para os máis pequenos (de 11:30 a 14:00 horas), un obradoiro de consumo responsable (de 16:30 a 18:00 horas) e unha exposición artística de pintura e artesanía (de 18:30 a 21:00 horas).

A gala das 21:00 horas consistirá en sete obras orixinais escritas por integrantes de Teatro do Ar, cinco de Pedro Rodríguez, unha de Sarai Gómez e unha de Pablo Fernández. Ademais de outras sete adaptacións teatrais de famosas películas. A gala non consistirá soamente de teatro, a banda sonora correrá a cargo da nova compositora de Vilariño, Lucía Doval, que co seu piano, é graduada en piano polo Conservatorio Profesional de Música de Vigo, introducirá a música en cada peza teatral. A danza tamén terá un oco no evento. Furma Rial dende o plano do movemento e Soledad García dende o plano da palabra interpretaran o poema “A princesa de Fukushima”, do escritor Francisco Javier Fernández Davila, premiado no Certame de poesía Terras do Chamoso 2016, que amosa a tristeza no seu estado máis atormentado. A bióloga e bailarina contemporánea Eva L. Quiroga tamén bailará o poema “Milenio” do director de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez.

As actividades do próximo sábado 28 de decembro iniciarán ás 11:30 horas cun obradoiro de teatro para os máis pequenos. Os actores de Teatro do Ar e de Volvoreta e Voltereta ofrecen distintos obradoiros monitorizados: un de interpretación, outro de improvisación, xesticulación… Ao final, os participantes representarán unha obra final para familias e público en xeral.

Abrirán as actividades da tarde as novas biólogas de Somos Terra, Eva L. Quiroga e Raquel Gómez. Dúas emprendedoras que instalaron a súa consultoría no Porto do Molle despois de gañar unha serie de convocatorias de emprendemento coa súa idea de negocio. Impartirán un obradoiro titulado “Alternativas creativas para un consumo responsable” no Auditorio do Concello de Nigrán de 16:30 a 18:00 horas.

Ás 18:30 horas tres creadores da zona mostrarán o seu traballo artístico para os interesados. Un será Pablo Otero, un ilustrador e tatuador de Nigrán, que traballa a fantasía nos seus debuxos. Tamén estará a ilustradora de Mougás, Sandra Rodríguez, expoñendo os seus retratos a acuarela. Compartirán espazo coa deseñadora de Nigrán, Martina Villar, cos seus produtos artesanais para Nadal.