O AD Vincios recupera a senda da vitoria

Tras obter nas últimas xornadas dúas derrotas e un empate, o AD Vincios Gondomar logrou unha nova vitoria ante o equipo catalán CER L´Escala, no partido celebrado esta xornada no Ximnasio do Instituto Terra de Turonio. O equipo local aliñou a André Silva, Zhao Tianming e Martín Pintos, mentres os cataláns presentáronse con tres xogadores nacionais, Sergi Grau, Norbert Tauler e Iker González, pois os seus dous xogadores estranxeiros atópanse lesionados.

O encontro resultou moi favorable aos locais, pois se impuxeron por un contundente 4-0, con vitorias de Martín sobre Iker (3-1), Zhao sobre Sergi (3-0), André sobre Norbert (3-0) e novamente Zhao sobre Iker (3-1). Os locais non deron opción aos xogadores cataláns, levándose o encontro para sumar 2 novos puntos á súa marcadora. Con esta vitoria o AD Vincios Gondomar mantense na metade da táboa, e con tres vitorias, catro empates e tres derrotas, con 10 puntos, sitúase en sexta posición, nos postos que dan dereito a xogar a competición europea, mentres o CER L´Escala cae á oitava posición.

2019-12-23 - Zhao versus Sergi

Anuncios