Nigrán recoñece o traballo do voluntariado cunha cesta de Nadal

O Goberno de Nigrán vén de recoñecer o traballo do voluntariado cunha recepción e agasallándoas cunha cesta de Nadal. A acción voluntaria céntrase no Roupeiro Municipal, Campaña de Xoguetes e Alimentos de Nadal, eliminación niños de vespa velutina e Curso de Informática para maiores.

O Roupeiro Municipal, que cumpre xa 12 anos, está xestionado por voluntarias a través da Oficina de Voluntariado de Nigrán, conta na actualidade con cinco estancias nas que se almacenan todo tipo de prendas -pantalóns, vaqueiros, camisas, blusas, camisetas, xerseis, americanas, parkas, abrigos, etc….- e para todas as idades, dende bebés, pasando por nenos, adolescentes e adultos, así como xoguetes e menaxe de bebé.

Aínda que destinado a todas as persoas e/ou familias, empadroadas no Concello de Nigrán que teñan dificultade de acceso a medios básicos tamén entrégase roupa a persoas doutros municipios sempre que sexa de xeito xustificado e necesario. Teñen prioridade as familias con menores ou maiores a cargo, familias monoparentais, persoas con discapacidade e persoas en situación de desemprego de longa duración, entre outros.

O roupeiro está situado na planta baixa das antigas instalacións da Policía Local, na rúa Paradellas número 26, Nigrán, (ao lado do IES Val Miñor) e está aberto todos os mércores e xoves, en horario de 10:00 a 12:30 horas.

O Curso de Informática dos “Obradoiros de Envellecemento activo” ten como obxectivo potenciar as capacidades e habilidades nas persoas maiores para un bo envellecemento. O envellecemento é unha etapa máis da vida. Nesta etapa igual que en outras prodúcense cambios físicos, psicolóxicos e sociais.

Aínda que durante moito tempo equiparouse o envellecemento a un período de perdas, se comprobou que hai funcións ou capacidades que manteñen súa actividade ou incluso poden chegar a mellorar grazas á posta en práctica de determinados estilos de vida. As clases de informática son impartidas por un profesor xubilado, voluntario.

Voluntariado na recollida de alimentos para Nadal. Dende 2016 un grupo de persoas voluntarias encárgase da recollida e entrega de alimentos para as persoas que o precisan durante todo o ano e en todo o municipio.

Un novo voluntario uniuse este ano 2019 ao plan de voluntariado na eliminación de niños de velutinas acompañando sempre ao concelleiro de Sanidade, Alfonso Vázquez.

“A aposta incondicional do Goberno por crear “Un Nigrán para todos” ten no voluntariado un dos seus aliados e é unha honra que persoas de todas idades se involucren en accións que fan máis doada a vida de quen máis o precisa e por iso como Alcalde de Nigrán quero trasladar o maior dos agradecementos”.