Gondomar ultima unha nova bolsa de aparcamento en As Ánimas

Gondomar ultima a creación dunha nova bolsa de aparcamento gratuíto na Rúa das Ánimas con capacidade para máis de 200 prazas de estacionamento. Trátase dun solar de 2.500 metros cadrados situado nas inmediacións do recentemente estreado centro de saúde e a 100 metros de Praza Paradela, que aliviará os problemas de espazo na contorna, agudizados en momentos puntuais tras a entrada en funcionamento do complexo sanitario.

A iniciativa súmase a outras zonas xa en funcionamento creadas co fin de disuadir ao volume de vehículos localizado no centro urbano como o existente na Rúa Eduardo Iglesias, cun total de 150 prazas, ou o da zona de Rúa Emigrante con medio centenar de ocos. Así mesmo os operarios acaban de finalizar a reestruturación de Rosalía de Castro e aínda que aquí os espazos gañados non chegan á decena, a recentemente instalada pasarela peonil sobre o río Zamáns e que dá acceso a Rúa Curros Enríquez permitirá comunicar a contorna da praza de abastos cun viario entendido por moitos como unha circunvalación unha vez entre en funcionamento. Ademais aquí planean a construción doutro punto de paso sobre o leito fluvial que conecte con Elduayen. Todos os cambios que se están levando a cabo na vila condal responden a unha reestruturación ideada polo goberno local para converter a Gondomar nunha localidade “totalmente humanizada”.

O alcalde Paco Ferreira explicou que están a adoptar unha tendencia que redundará na calidade de vida dos veciños, a pesar das críticas da oposición que advirten dos riscos que entraña para o pequeno comercio a prohibición do tráfico rodado no centro urbano. “Os expertos manteñen que as cidades teñen que estar feitas para as persoas, non para os coches”, aseverou. Con todo, Ferreira afirma que polo momento levan creadas máis de 400 prazas de aparcamento disuasorio e gratuíto en diferentes puntos da localidade, “bastantes máis dos que eliminamos coa humanización de Praza Paradela”.

En canto ao peche de establecementos denunciados por diversos grupos políticos, Ferreira asegurou que se debe a outros motivos e non á peonalización das rúas. “Precisamente o que conseguimos con esta tendencia é que se concentre un maior número de peóns, o que debería de beneficiar ao pequeno comerciante”, manifestou. Desta maneira o rexedor gondomareño adiantou que tanto el como o seu equipo seguirán o seu modelo de reestruturación dos espazos urbanos e reiterou que se sente orgulloso do novo enfoque da condal. “Conseguimos nun tempo record o que outros non puideron facer en anos e entendo que as críticas responden as envexas que espertamos”, finalizou.

Anuncios