Previr a demencia e promocionar os hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional das persoas maiores de 55 anos, é o obxectivo do programa “Cultiva a mente” que o goberno de Gondomar, a través da Concellería de Benestar Social, e en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA Alzheimer), poñerá en marcha a partir do próximo ano no municipio.
Así se acordou nunha reunión mantida esta semana co presidente da Asociación, Juan Carlos Rodríguez, e a concelleira Nuria Lameiro, xunto a traballadoras sociais do departamento, onde se expuxo a importancia de poñer ao alcance aos maiores do concello este tipo de ferramentas que permiten “promover un envellecemento cognitivo saudable e previr a deterioración”.
“Cultiva a mente” son obradoiros que se desenvolverán unha vez á semana, cunha duración de dúas horas, e nos que, como punto de partida, realizarase unha valoración de cada usuario, para coñecer concretamente as súas capacidades cognitivas. Aplicaranse unha serie de criterios co fin de detectar unha posible deterioración, e no caso de sospeita de estar ante algún tipo de demencia “poder activar os protocolos pertinentes de derivación, asesoramento e acompañamento da persoa”.
Impartido por un licenciado/graduado en psicoloxía centrará o seu ámbito de acción en diferentes cuestións. Así dentro da área de hábitos saudables prestarase especial atención ao envellecemento activo, a promoción das relacións sociais e prevención da soidade, así como a aposta pola independencia e autonomía.
Dentro do ámbito das capacidades cognitivas traballarase facendo fincapé en aspectos como as funcións executivas, a memoria, a atención, a orientación, a linguaxe e o cálculo, entre outros.

