Chega unha nova edición dos Papa Noeles Surfeiros

Un ano máis se celebra na Praia de Patos (Nigrán) “Os Papa Noeles Surfeiros”, un evento que organiza a Asociación de Escolas de Surf de Patos co apoio do Concello de Nigrán. Este encontro é ademais unha recollida para o banco de alimentos xa que cada participante deberá levar 1 quilo de alimentos non perecedoiros. Tras o baño, recuperaranse forzas e calor cunha gran chocolatada, e este ano pediuse aos asistentes que leven a súa propia cunca de casa para o chocolate, unha maneira de concienciar sobre a urxente necesidade de reducir os plásticos dun só uso na nosa vida diaria.

A cita este ano celébrase este martes 24 de decembro ás 11:00 coincidindo coa Noiteboa xa que as malas condicións meteorolóxicas non permitiron facelo antes. En anos anteriores a cita conseguiu reunir a máis de 300 participantes e este ano espérase superar dita cifra.

Prado Surf Escola organiza tamén de maneira simultánea por segunda vez o encontro de Papa Noeles Surfeiros na Praia de Bastiagueiro (A Coruña) co apoio do Concello de Oleiros. A cita é tamén ás 11:00 e haberá recollida para o banco de alimentos e uns petiscos para despois do baño.

Prado Surf Escola leva máis de 20 anos ensinando surf nas súas catro escolas repartidas nas provincias de Pontevedra e A Coruña. Esta actividade realízase en conxunto coas demais escolas de surf de Patos e co apoio do Concello de Nigrán.